Por E.P. | SANTIAGO | 09/10/2018 | Actualizada ás 14:39
O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova tempada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago, coa estrea este xoves, día 11 de outubro, do espectáculo 'Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena', que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños. Esta será a primeira das 12 montaxes programados até final de ano na sede compostelá da compañía da Consellería de Cultura e Turismo, que tamén acollerá parte das proxeccións do festival Cineuropa.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de 'Arnoia Arnoia', que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na lista de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY).
Neste escenario poderase ver até o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 horas, os domingos, ás 18,00 horas, e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 horas. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
Os espectadores interesados en profundar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar respecto diso co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e o equipo artístico e de produción de 'Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena' presentaron este martes esta ollada ao imaxinario múltiple de Méndez Ferrín, pasado pola man de Quico Cadaval.
DESENVOLVEMENTO DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
Durante a súa intervención, o director da Agadic resaltou que este traballo, na liña de coproducións que o CDG está a materializar xunto a distintas formacións artísticas, leva asociado, así mesmo, o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro. É o caso de Pistacatro e tamén o doutras dúas compañías que visitarán proximamente este escenario: 'A Panadaría' regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con 'Elisa e Marcela', despois dun ano de éxitos por toda Galicia; e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de 'Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro)'.
Jacobo Sutil tamén enmarcou nos obxectivos da compañía pública o feito de que 'Arnoia Arnoia' se acompañe dunha serie de funcións dirixidas a escolares, á vez que destacou "o tándem Méndez Ferrín-Cadaval ao servizo dun xénero tan versátil e con tantas posibilidades de crear afección teatral como é o do novo circo aplicado ao teatro e, neste caso, servido por Pistacatro, compañía pioneira nesta disciplina en Galicia".
SINOPSE DA OBRA
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde aos seus seres queridos na guerra. A partir deste momento, vese só para iniciar un camiño surcado de perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de 'Arnoia Arnoia', que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belén Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
VENDA DE ENTRADAS
A venda anticipada das localidades xa está activa na web entradas.abanca.com e tamén no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes de comezar o espectáculo. Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego até finais de ano e que, ademais de ditas coproduccións, 'Elisa e Marcela' e 'Anarquismos', ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos.
Así, o próximo día 21 o Festival Internacional de Monicreques Galicreques presentará aquí o espectáculo 'O oso que non o era', da compañía mexicana Man e Contramano. O 30 de novembro, despois de practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con 'Futuro animal', da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza --'Toda a beleza do mundo', de María Move, os días 1 e 2--, para centrarse a continuación no teatro --'Casquería e outras vísceras', de Xerpo Teatro, o 8 e 9--; 'Sofía e as postsocráticas', de Inversa Teatro, do 11 ao 16; 'Soños', do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e o tres propostas do ciclo 'Gran teatro para os máis pequenos' ('Nómade', de Xarope Tulú, o 22 e 23; 'Os fabulosos cleaners', de Malasombra, o 29 e 30; e 'Muiñada', de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro)--.
OPTIMIZAR A XESTIÓN DOS RECURSOS PÚBLICOS
Polo que respecta a esta coprodución do CDG con Pistacatro Produtora de Soños, Jacobo Sutil asegurou que "as coproducións son un método moi interesante para optimizar a xestión dos recursos públicos, dándolle ás empresas capacidade para producir obras e representacións con liberdades artísticas, e usando outros medios que se poñen a disposición do CDG, medios técnicos".
Pola súa banda, a directora do CDG quixo "agradecer un proxecto tan ben montado, dende unha combinatoria magnifica dunha compañía de teatro-circo de referencia a nivel galego, que se xunta co talento indiscutible dun director como Quico Cadaval, para traballar a partir do imaxinario dun autor de referencia galego como é Xosé Luís Méndez Ferrín". "Estamos agradecidos de poder colaborar con este tipo de proxectos", asegurou.
TEMA DA SOIDADE DOS NENOS
Pola súa banda, Fiti Reboredo, un dos actores da obra, explicou que "'Arnoia Arnoia' fala da soidade dos nenos, nomeadamente nas guerras". "Estamos a vivir un momento moi relevante con todos os refuxiados que veñen das guerras, provocadas por armas accidentais, e pódese ampliar a todos aqueles nenos que, por unha ou outra razón, quedan sen nai ou sen pai, ou viven disputas dentro das súas casas", apuntou.
"A través deste realismo máxico, 'Arnoia Arnoia' trasládanos a un proceso no que poden remontar e saír deste lixo no que os metemos os adultos e lograr un mundo novo e mellor", sinalou, e engadiu que "é o que nos gusta da historia de 'Arnoia', que fala de Galicia, da nosa terra, que representa a todas as nosas nais, que teñen que tirar moi duro para sacar aos fillos adiante".
REACCIÓN DE MÉNDEZ FERRÍN Á PROPOSTA
Finalmente, outra das participantes na parte de danza deste espectáculo teatral, Ánxela Blanco, incidiu en que "estes xestos institucionais son importantes e necesítase que a danza siga tendo apoio institucional e completo", así como "presencia nos premios" culturais a nivel autonómico. E, polo que respecta á acollida desta proposta por parte de Méndez Ferrín, Quico Cadaval resaltou que "durante a súa infancia, foi moi importante o circo", porque "tiña lazos co antigo Circo Feixóo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.