Esta é a historia de Diego Rojo, o galego que acabou a carreira máis dura do mundo

A Spartatlon non é a ultramarathon máis longa do mundo, pero si a máis dura. Son case 250 quilómetros que hai que correr en 36 horas. Nela están os mellores do planeta, algún campión mundial, porque para participar é necesario superar un corte de tempo moi esixente. E Diego Rojo, un profesor de Educación Física, conseguiu superalo para participar nunha carreira que este ano foi aínda máis dura tras o paso dun furacán que deixou ventos de 120 quilómetros por hora. Dos catro participantes do Estado español, só el foi o único que rematou esta dura proba. E esta é a súa historia contada en primeira persoa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/10/2018 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

SPARTATHLON 2018 – “SEGUE NADANDO”

Diego Rojo, ultrafonfista galego, na Spartathon
Diego Rojo, ultrafonfista galego, na Spartathon | Fonte: Maite Rojo

E como cheguei ó Spartathon?... Todo comezou hai un par de anos, nas 24 horas de Barcelona, onde conseguín o requisito de clasificación ao facer mais de 180 kms en pista, e despois de dous anos de intentalo, conseguín pasar o sorteo, porque so admiten a 400 corredores de todo o mundo.

Marchei a Grecia con outros tres corredores españois, Juan Andrés Camacho, Francisco Javier Perez Córdoba, Rubén Delgado Gil, e coa miña irmá Maite, o meu auténtico anxo da garda, que me axudou nos 15 puntos do percorrido onde se podía recibir asistencia, cos cambios de roupa e facilitándome o avituallamento. Sen ela todo se tería tornado mais difícil ou, seguramente, imposible.

Os días previos á proba, chandeabaa coa frase da compañeira azul de Nemo, o “peixe cirurxán” Dori. Miña muller e miña filla mandáronme unha mensaxe de ánimo co famoso “segue nadando”, sen saber que se repetiría como un mantra durante os momentos mais duros do percorrido. 

E no día d carreira chegou tamén o ciclón “Zorba”, baixo o cal tivemos que correr con rachas de vento que por momentos superaron amplamente os 100 km/h, chuvias torrenciais, tormenta con aparello eléctrico, saraiba, lama e asulagamentos na calzada (coa auga en ocasións por riba do nocello), árbores e paneis arrancados, e outras dificultades que engadían dureza extra ao feito de ter que percorrer os 246 kms da proba en menos de 36 horas, que é o tempo límite que marca a organización.

Diego Rojo no quilómetro 170 da Spartatlón, cando o temporal estaba no seu punto álxido
Diego Rojo no quilómetro 170 da Spartatlón, cando o temporal estaba no seu punto álxido | Fonte: Maite Rojo

Os primeiros 81 kms van desde a saída, ás 07:00 da mañán aos pes da Acrópole, ata Corinto, sen demasiado desnivel. Pasaron prácidamente, a maioría na compaña do español Juan Andrés Camacho (que tería que retirarse no 145 por hipotermia).  Á chegada a ese punto realizamos o primeiro cambio de roupa e a primeira comida sólida sentado. Despois, volta a correr, paulatinamente, xa que despois de enfriar costoume minutos voltar a trotar con normalidade. 

Saín deste punto con case hora e media de adianto sobre o tempo de corte, vantaxe que fun ampliando ata a chegada da montaña, no segundo terzo do percorrido. Pero, pouco antes de anoitecer desatouse o inferno. Comezou unha intensa chuvia, frío e vento intenso. Os pes permanentemente empapados ao cruzar as numerosas balsas de auga, e a organización desbordada nalgúns controis, onde non había auga quente para poder toma sopa ou te. 

Decido entón abrigarme completamente no control 43 (km148), como 15 antes do paso do punto máis alto da carreira, o Monte Partenio (1200m). Cheguei en torno ás 01:00, con algo máis de 2 horas de adianto sobre o tempo de corte. Coa axuda da miña irmá cambieime completamente e volvín saír. Ía xa enfundado en 4 capas, con zapatillas secas, un número mais grandes en previsión do edema. Tiña aínda máis de hora e media de marxe, e con enerxías renovadas, aínda que tremando polo choque térmico ao volver ao frío e á tormenta.  Moitos dos que estaban a cuberto da chuvia mirábanme con cara rara, pero a maioría deles non saben o que é adestrar en Galicia no inverno ás seis da mañá.

O paso pola montaña (kms 161 a 171 aproximadamente) foi como entrar nunha película de Hitchcock. Néboa densa na subida e na baixada, progresión penosa polo desnivel e o terreo esbaradizo e pedregoso, e polos nocellos e pes, que levaba inflamados e cheos de pelouriños. Aínda así mantiven case íntegra unha vantaxe de hora e media, e a partires de entón a miña estratexia, nestes últimos 75 kms,  baseouse en sobrevivir e administrala, sen pararme nos controis máis que o xusto para camiñar mentras bebía algo quente e comía o xusto, para non vomitalo polo frío, e sabendo que, desafortunadamente, era o único de España en carreira, xa que os outros tres se tiñan retirado.

A entrada en Esparta foi literalmente nun río no que íamos chapoteando (...segue nadando!... segue nadando!...). Os condutores saudábannos coas bucinas, e os espartanos saían ás terrazas cubertas dos bares e aos balcóns a aplaudir. Nun día de cans como aquel, emocionábannos e empuxábannos cara adiante. Finalmente, entrei na avenida que leva á imaxe do xeneral Leónidas, onde está situada a meta. Percorrín os derradeiros metros da man de Maite, axudoume a subir os escalóns finais e fundímonos nunha intensa aperta ante a estatua, chorando da emoción.

Ahí remataba a nosa tola aventura grega do 2018, o ano no que adestrei 5000 kms, moitos deles con asistentes de luxo, con Maite correndo e Isabel pedalando e camiñando en incontábeis ocasións ao meu lado, con Vincenzo na cociña; co apoio incondicional dos meus pais e da miña familia, que me animaron en todo momento;  co cariño dos meus amigos, que me mandaron ducias de mensaxes de ánimo e, por último, dos meus compañeiros de equipo, que lamentablemente non remataron, pero que fixeron piña ao meu redor.

Vai por todos eles.

Diejo Rojo abrázase a súa irmá Maite ao final da dura proba do Spartatlón, en Sparta, fronte a estatua de Leónidas
Diejo Rojo abrázase a súa irmá Maite ao final da dura proba do Spartatlón, en Sparta, fronte a estatua de Leónidas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta