Jesús Calleja escoita o clamor dos axentes ambientais e forestais e rectifica: "Sois los héroes"

O presentador de 'Volando Voy' recoñece nun vídeo o labor destes axentes nos incendios en Galicia, tras unha avalancha de críticas por non darlles voz no seu programa en Cuatro co gallo do aniversario da vaga de lumes de hai un ano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/10/2018 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O clamor dos axentes ambientais e forestais galegos percorreu máis de 8.000 quilómetros até a India a través da Rede de redes. Alí, o aventureiro e presentador do programa de Cuatro 'Volando Voy' escoitou —ou máis ben leu— as críticas que este colectivo verteu contra el polo tratamento que lle deu á vaga de incendios de outubro de 2017 e a loita contras os lumes en Galicia. Agora, Calleja recoñece, por fin, o labor destes homes e mulleres que se atopan na primeira liña contra o fogo.

Jesús Calleja, no programa 'Volando Voy' dedicado a recordar a vaga de incendios en Galicia de outubro de 2017
Jesús Calleja, no programa 'Volando Voy' dedicado a recordar a vaga de incendios en Galicia de outubro de 2017 | Fonte: Cuatro.

Nun vídeo gravado naquel país asiático —onde está realizando 'Planeta Calleja', tamén para Cuatro—, e publicado no seu Facebook, Calleja dá as "grazas" polos comentarios publicados sobre o programa emitido este domingo co gallo do primeiro aniversario da vaga de incendios que calcinou case 50.000 hectáreas en Galicia e se cobrou catro vidas. Comentarios que lle fixeron reaccionar, xa que desde o colectivo especializado na loita contra os lumes sentou moi mal a posprodución do programa, no que se omitiu calquera referencia aos axentes e bombeiros medioambientais e forestais, malia que o equipo do programa contactara e falara con eles durante os días de gravación, en xuño pasado.

Agora, Calleja resolve a polémica con esta mensaxe dirixida directamente a este colectivo e xustifica así as omisións realizadas no programa: "Nos falta tiempo para muchos agradecimientos. Por eso quiero hacer este vídeo, un vídeo muy especial para los agentes medioambientales y las brigadas forestales, que os jugáis la vida cada vez que salís a trabajar. Que somos conscientes, sin duda, que sois los héroes, los que apagan en los bosques los incendios cuando se producen, y que trabajáis en condiciones durísimas. Creo hablar en nombre de muchísimas personas que os consideramos los héroes, que os respetamos, que os queremos, que os necesitamos. Que muchísimas gracias por lo que hacéis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

Nin mencionaron o problema dos eucaliptos, de cómo arden e expanden o lume. Alguén veu esta clase de lumes en Euskadi ou Irlanda? No monte organizado, coidado e sen eucaliptos non pasan estas catástrofes. Ata en Portugal o saben xa. Tras os incendios do ano pasado, a primeira medida política que tomaron foi prohibir novas plantación de eucaliptos por 30 anos. Alguén explica que os supostos incendiarios planten 200 focos nun radio de 200 quilómetros en 2 horas?? O programa de Calleja debeu estar ben untando por Ence e pola Vicepresidencia de Rueda-Goebbles