Feijóo insiste en culpar ao Goberno de Sánchez por non prever os despidos en Alcoa

O presidente galego di que "ata agora sempre se chegaba a un acordo" coa multinacional e aposta por un pacto cos Executivos central e asturiano e cos sindicatos para tentar buscar unha saída.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/10/2018 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

"Levamos dez anos falando cos directivos de Alcoa e sempre atopamos unha solución. É a primeira vez que se notifica unha decisión de este calibre --despidos-- e que o Goberno central non estaba ao tanto". O presidente galego repetiu, novamente, o argumento que este mércores deu sobre o posible peche das plantas da multinacional estadonidense na Coruña e en Asturias. "Nós sempre tivemos contactos con Alcoa con gobernos anteriores. Se negociaba e se chegaban a acordos", repetiu.

Alcoa San Cibrao (Cervo)
Alcoa San Cibrao (Cervo)

Feijóo lembrou que esta multinacional "sempre se queixou do prezo da enerxía" pero sempre había negociacións. "Eu lembro que os ministros Soria ou Nadal e mesmo Rajoy tiveron que intervir para solventar estes problemas", indicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para tentar sinalar que, nesta ocasión, o problema está no Goberno de Pedro Sánchez, que "non sabía nada". Tampouco a Xunta, como confirmou Feijóo, estaba ao tanto desta decisión.

En todo caso, apostou por facer unha fronte común para evitar o peche das plantas e o despido de traballadores. Para iso, anunciou que manterá encontros do Executivo central, co Goberno asturiano e cos comités.  "Haberá que buscar unha fórmula para tentar chegar a acordos", suliñou ao tempo que con Alcoa "houbo sempre tensión, e logo solucións".

FRONTE COMÚN

Sobre esta fronte común dixo que xa falou coa ministra de Industria e haberá un encontro a vindeira semana entre a Xunta e o Secretario General de Industria. Tamén haberá unha reunión co Principado de Asturias e o Goberno galego agarda tamén reunirse cos sindicatos. "O máis importante agora é saber as causas desa decisión e o futuro dos traballadores", suliñou.

O presidente galego tamén avanzou que o principal problema para Alcoa é o prezo da enerxía e que este sexa estable e non suxeito a poxas enereticas, así como as variacións do rpezo do aluminio "que fluctúa moito".

AXUDAS

Por outra banda, Feijóo confirmou que non ten coñecemento de que a multinacional estadonidense teña recibido subvencións da Xunta. "Non sei se haberá por aí algún convenio", limitouse a responder tras coñecerse este xoves que a empresa recibiu 1.000 millóns de euros en subvencións enerxéticas por parte do Goberno de España. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta