Unha boa estratexia empresarial, a presión social cos postos de traballo, que supuxo a esta multinacional o ingreso de máis de 1.000 millóns de euros en axudas encubertas para o custe eléctrico, que pagamos todos, dos cales non inviste nas instalacións nin un triste can.
Cómpre xa que logo, unha acción contundente de defensa dos traballadores e tamén de defensa dos consumidores eléctricos que somos os que pagamos a mala venta feita polo Señor Aznar, un agasallo ós Iankis que por pouco máis 400 millóns, mercaron 14 factorías do grupo INESPAL.
Para min a solución pasa polo SEPI e por unha acción de nacionalización de esta empresa. O artigo 128.2 da Constitución respalda esta decisión e motivos existen e tamén razóns fundadas, para saír do chantaxe de Alcoa. Imos ver se o goberno de Sánchez é quen de facelo, a Constitución non só é o 135 e o 155.
Gobernos de toda Europa, incluso Alemaña manteñen un sistema de participación en empresas de carácter estratéxico para a economía de cada lugar, o aluminio é un sector punteiro, é de xeito xa que logo preservalo, e tamén apostar pola súa potencia de xerar emprego e investigación.
Case podo crer que o tema é factible, vendo as rápidas manifestacións dos políticos do estado e sendo consciente de que Alcoa carga cun lastre segundo eles. Toca comprobar se o partido “obrero” é quen de defender ós traballadores e leva este tema ó Congreso, como solución total, ou pola contra poñerán un parche económico a unha multinacional, que xa case lle sae tan rendible esta situación como a mesma produción.
Tamén é importante que o Presidente dos galegos, rápido esta vez na mobilización, e gustoso de ir a Asturias, cando a presenza forte de Alcoa está en Galicia, iso di moito da súa defensa do País. Lembre que Alcoa paga en Madrid, por iso como galeguista lle pido que reclame o traslado do domicilio fiscal á Nosa Terra e deixe de preocuparse tanto polas empresas cataláns.
Non quero rematar sen apoiar a esas familias que estes día o están a pasar mal, tamén é importante que todos sexamos conscientes da carga de vivir sempre coa ameaza real xa non de perder o emprego, senón de perder a túa traxectoria e competencia profesional cando a ameaza é a desaparición de todo o teu sector.
AlcoaNonSeVende AlcoaNacionalizase.