Temas: MIGUELIANOS

Ex-migueliana acusa a Rosendo de abusar dela coa escusa de "curarlle" un "cancro de ovarios" co seu seme

A vítima relatou que durante "oito anos" sufriu abusos sexuais por parte do líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 24/10/2018 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

A ex-migueliana M.P., irmá de Marta Paz, unha dos consideradas 'bastóns' de Miguel Rosendo, relatou este mércores que durante "oito anos" sufriu abusos sexuais por parte do que foi líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcángel. A testemuña explicou que Rosendo abusaba dela coa escusa de "curarlle" un suposto "cancro de ovarios", estendéndolle o seu seme "pola barriga".

Miguel Rosendo durante o xuízo dos 'Miguelianos'.
Miguel Rosendo durante o xuízo dos 'Miguelianos'. | Fonte: Europa Press

Esta muller manifestou na novena sesión do xuízo coñecido como dos 'Miguelianos' que Rosendo chegou a "abusar" dela até "unha vez á semana" e que ela "nunca" o rexeitou porque a "convenceu" de que "a vítima" era el porque "se sacrificou" por ela.

Segundo M.P., que declarou a escasos metros de Rosendo tras un biombo, este chegou a dicirlle que deus lle ordenara que realizase eses abusos. A muller contou que tivo que realizarlle "masturbacións", "felacións" e penetracións das que —dixo— non sempre era "consciente". Estes episodios ocorreron, segundo relatou, mesmo cando ela estaba embarazada e a noite antes da súa voda.

A testemuña entrou na Orde cando tiña uns 15 anos e permaneceu neste colectivo desde 1991 até o 2012. Segundo o seu relato, a súa nai levouna á "consulta" que Rosendo tiña "no Calvario", en Vigo, a primeira vez. O seu pai e a súa irmá tamén estaban na Orde, pero só elas chegaron a vivir na chamada 'Casa Nai' en Mougás, situada no municipio pontevedrés de Oia.

Na súa declaración explicou que contraeu matrimonio cun home, tamén migueliano, co que iniciou o seu noivado por orde de Rosendo, e co que asegurou que segue casada. "Crin firmemente que grazas a este matrimonio se ían acabar os abusos sexuais", apuntou.

"Eu asumía que Miguel ía salvar o mundo", sostivo sobre a situación na que se atopaba mentres permaneceu na Orde e Mandato de San Miguel Arcáncel. M.P. respondeu, a preguntas da Fiscalía, que "o que Miguel dicía non o dicía o home, viña do máis alá" e que, aínda que alguén lle contradixese, "iso caía en saco roto".

DECISIÓNS DIRIXIDAS

"Todo o que saía da boca de Miguel era lei", chegou a afirmar esta ex-migueliana, que deixou o seu traballo en PSA Peugeot Citroën en Vigo por orde do líder dos 'Miguelianos'. "Tes a falsa sensación de que as decisións as tomas ti, pero todas están dirixidas", aseverou para engadir que "só" tomou unha decisión, a de marcharse (da orde). "Porque non tomei a decisión de entrar, levoume a miña nai", lembrou.

M.P. contou que Rosendo, que chamaba "mamá" á Virxe, "apartouna" do seu "núcleo" máis próximo cando ela se escapou da habitación na que adoitaban producirse os supostos abusos. Explicou que foron dous anos de "humillacións" nos que residiu nunha vivenda que se construíron ao redor de 'Casa Nai', pero que pediu volver. "Saír de Mougás non era unha posibilidade, na miña cabeza era un abismo", argumentou.

A testemuña sostivo que decidiu abandonar a Orde ao decatarse de que o resto das mozas tamén sufrían os mesmos abusos. "Eu asumía o meu pecado, pero non asumo o da miña irmá nin o de A.L.S.", afirmou. M.P. coñeceu a existencia destes outros abusos por parte de A.L.S., vítima e unha das denunciantes nesta causa.

A muller contou como tentou sacar a súa irmá (Marta Paz, 'bastón' de Rosendo, que declarou ao seu favor) da "burbulla" pero que ela a rexeitou. "Non sei canto tempo tardei en asumir que o que me pasou era real", recoñeceu a testemuña, que necesitou axuda psiquiátrica.

Temas: MIGUELIANOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta