Por E.P. | VIGO | 25/10/2018 | Actualizada ás 16:01
A Xunta descarta, neste momento, realizar o transvasamento do río Verdugo ao Oitavén como lle solicitou o Concello de Vigo para aumentar a captación de auga no sistema da presa de Eiras porque, segundo dixo a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, "fallaría o 95 por cento dos anos".
Na Delegación da Xunta en Vigo, Teresa Gutiérrez sostivo que os técnicos realizaron un "estudo hidrolóxico" e que "se deron conta" de que esa solución "falla o 95 por cento dos anos" porque os ríos "non terían o caudal suficiente".
Por tanto, Gutiérrez alegou motivos "técnicos" para rexeitar este transvasamento, que tachou de "parche". "Non é unha solución estrutural, que é o que buscamos", manifestou e lembrou que, ao non estar nunha "situación de emerxencia" como o ano pasado, se necesita un consenso entre os municipios afectados para levalo a cabo e que "se demostrou" que non hai.
A representante da Xunta aseverou que buscan "solucións a longo prazo" e que non están "pechados a nada". As opcións sobre a mesa agora mesmo serían, según exemplificou, "un transvasamento do Miño cara a estas cuncas" e "aumentar a capacidade do encoro".
Gutiérrez explicou que cos efectos do cambio climático "non é que chova menos", senón que "choverá moito máis no inverno e menos no verán" e que o fará "en menos tempo".
Por este motivo, apunta á reunión deste venres —á que tamén acudirá o alcalde de Vigo, Abel Caballero— co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para "empurrar todos na mesma dirección". "Hai que buscar un sistema de abastecemento moito máis robusto e a reunión é unha ocasión moi boa", sinalou.
Así mesmo, a representante do organismo público, descartou este xoves en Vigo a redución do caudal ecolóxico do río Oitavén porque, insistiu, estamos ante unha "situación de normalidade" sen "prealerta" por seca.
Gutiérrez manifestou que "non entende" a petición do Concello de Vigo de reducir o caudal do río porque esa é, segundo resaltou, "unha medida excepcional" que non é necesaria "co encoro de Eiras ao 60%".
"O Concello sabe que as súas instalacións son deficitarias porque ten informes do xestor", dixo en referencia á potabilizadora do Casal. Deste xeito, instou a Vigo a "aumentar a súa capacidade de filtrado" de auga para que "tarde menos" en facer este proceso no caso de que diminúa o nivel do encoro de Eiras.
"É verdade que tería que empezar a chover", concedeu Gutiérrez, para engadir que "igual o mes que vén estamos en situación de prealerta" por seca, pero que neste momento a situación é de "normalidade" nos encoros de Zamáns (que está ao 57%, segundo a Xunta) e de Eiras (60%).
"Augas de Galicia podería adoptar, en situación de prealerta, o caudal ecolóxico de seca", afirmou, o que suporía pasar de transferir 1.300 litros por segundo do encoro ao río, a transferir 0,667 litros por segundo. "É unha medida mala para a vida do río", apuntou.
Á súa vez, informou de que "estes días" o "caudal natural" do río Oitavén era "positivo". "É dicir, que o río aínda achegaba máis auga da que lle estabamos extraendo para o consumo", explicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.