Miguel Tellado, PPdeG: "A actitude de Carmela Silva é reflexo da forma de facer política de Abel Caballero"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2018 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou que a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, rexeitase acudir ao Parlamento de Galicia para explicar os próximos orzamentos do ente provincial e denuncia que a súa actitude é un reflexo da forma de facer política do alcalde de Vigo, o tamén socialista Abel Caballero.

Miguel Tellado en rolda de prensa. PPDEG - Archivo
Miguel Tellado en rolda de prensa. PPDEG - Archivo | Fonte: Europa Press

En entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, Tellado lamentou a actitude "da señora Carmela Silva, que ao final é reflexo da forma de facer política do señor Abel Caballero". "Creo que na confrontación non se gaña absolutamente nada", engadiu.

En todo caso, recoñeceu que non se pode obrigar a ninguén a comparecer no Parlamento. Neste caso, tratábase da comisión de orzamentos que se celebrou o venres. "Impor a comparecencia de alguén no Parlamento tampouco creo que fose moi democrático", admitiu.

No entanto, Tellado incidiu en que "a confrontación non é o que piden os galegos", polo que instou a Carmela Silva a "reflexionar" porque "se equivocou ao non acudir ao Parlamento de Galicia".

CANDIDATURAS DE NARÓN E MONFORTE

Por outra banda, ante a proximidade das eleccións municipais de 2019, o número dous do Partido Popular en Galicia defendeu a aposta por Germán Castrillón, actual alcalde de Cabanas, para aspirar á alcaldía de Narón --ambos, municipios de Ferrolterra--, e aprecia nerviosismo entre os outros partidos na denominada 'oitava cidade de Galicia' por habitantes, na que goberna a mesma formación, agora baixo as siglas de Terra Galega, desde 1985.

"En Narón hai un goberno esgotado, o goberno de Terra Galega co Partido Socialista, co Bloque Nacionalista Galego, un goberno tripartito dividido e esgotado despois de case 40 anos gobernando en Narón", asegura, para agregar que cre que chegou o momento do cambio con Germán Castrillón.

En canto á situación de Monforte, Miguel Tellado asegurou que o PP está "no proceso de procura da mellor candidata ou candidato" á alcaldía. Ante as especulacións que apuntan á posible candidatura do empresario Roberto Eireos, Tellado replicou que non pode "confirmar nada en absoluto".

Insiste en que o que se trata é de acertar "entre todos, escoitar a todo o partido, sendo sensibles coas distintas opinións que poida haber en Monforte".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Entre PSOE - PP o único que fan ben ámbolos dous é privatizar o patrimonio da cidade https://i.gal/VigoDenuncia E neste asunto todos están conformes !!! Mesmo a Marea de Vigo que seica ía facer políticas alternativas (?) e leva 4 anos chupando do bote (coma tódolos demáis!) https://i.gal/CartaNadal