Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2025 | Actualizada ás 14:47
O Parlamento galego volveu a reclamar ao Goberno central que declare o Xacobeo 2027 como evento de especial interese para que empresas e entidades poidan acollerse a bonificacións fiscais se deciden sumarse como patrocinadores do Ano Santo. A iniciativa, presentada polo PP e que foi debatida na xornada vespertina do martes do pleno do Parlamento de Galicia, foi aprobada co apoio de todos os grupos na mañá deste mércores, cando foron sometidas a opinión do hemiciclo o bloque de proposicións non de lei. En concreto, o Lexislativo autonómico diríxese ao Goberno galego para reclame ante o Executivo central a declaración do próximo Xacobeo como "acontecemento de excepcional interese". Tamén avoga, por adición do Partido Socialista a través dunha emenda aceptada polo PP, por que a Administración autonómica deseñe un mapa territorial para a organización de eventos do Ano Santo co ánimo de que se distribúan de forma "equitativa e igualitaria".
DEBATE
A proposición non de lei foi defendida o martes polo deputado popular Borja Verea, e xa todos os grupos da oposición fixeron explícita a súa intención de votar afirmativamente, lembrando que a iniciativa, no mesmo sentido, xa foi aprobada ata en tres ocasións na Cámara galega. O propio Borja Verea arrincaba a súa intervención lembrando que esta cuestión "ten xa varias unanimidades no Parlamento" pero "segue sen resolverse". "Queremos saber que é o que está a pasar, cal é a explicación para que hoxe aínda non estean declaradas nin activas as bonificacións e a declaración", dixo Verea. Aínda que "a causa principal desta falta de declaración é que non hai orzamentos estatais", admitiu, Borja Verea afirmou que "existindo como existe consenso político", se "houbese tamén vontade" podería facerse por outras vías.
Esta declaración, engadiu, "permite pór en marcha os incentivos fiscais de apoio ao Xacobeo", polo que "abre a porta á colaboración público-privada", que no anterior Ano Santo proporcionou 28 millóns de euros cos que 40 empresas "axudaron a que fose un éxito". Para o deputado do PPdeG, "sería unha inmensa irresponsabilidade non facer esta declaración con carácter urxentísimo", xa que "tería consecuencias negativas para toda Galicia". "No anterior Xacobeo, houbo tres anos de bonificacións para preparar con calma e con estratexia a celebración. Xa levamos un ano perdido", dixo Verea, que, ante a unanimidade do Parlamento, dixo que só "queda unha triste interpretación: que estamos ante un boicot doloso para facer dano a Galicia por intereses partidistas".
APOIO E EMENDAS
Tanto o PSdeG, como o BNG e o deputado do Grupo Mixto expresaron nas súas intervencións a intención de votar a favor da proposición. Os socialistas, ademais, pediron que se engadan as emendas xa incorporadas noutras ocasións, que pasan porque se deseñe un mapa territorial tendo en conta toda a xeografía galega, que chegue ao máximo número de concellos, que se faga unha "distribución equitativa da actuación" por todo o territorio e que o acceso a eventos sexa "en igualdade de condicións". As emendas foron aceptadas. Na súa intervención, Silvia Longueira sinalou que a intención do Goberno central é activar esta cuestión, aínda que "teñen os seus tempos", dixo, e lembrou que "é certo que debe recollerse nos orzamentos". "Que, por certo, vostedes non apoian, a pesar do gran amor que lle profesan a Galicia", ironizou.
Na mesma liña, o deputado do BNG Daniel Pérez López cuestionou o obxectivo desta iniciativa, tendo en conta que xa contou con unanimidade dos grupos con anterioridade. "Se o que buscan é mandar unha mensaxe clara ao Goberno do Estado por parte dos grupos que integran en Parlamento, xa o conseguiron, conseguírono en tres ocasións", dixo. O deputado do BNG engadiu que, unha vez "alcanzado o acordo parlamentario", a situación "dependería da capacidade de negociación" da Xunta para "acordar co Estado medidas moi positivas para as empresas galegas", algo que considera difícil pola "política de terra queimada" das forzas estatais. "Volver traer esta cuestión aquí só responde a unha motivación: atacar ao Goberno central, facendo un seguidismo cego da estratexia marcada desde Xénova polo PP. Un seguidismo servil a Madrid e kamikaze cos intereses galegos", concluíu.
TRANSICIÓN XUSTA
Non houbo acordo maioritario ao redor da iniciativa do BNG que reclamaba a paralización e anulación das convocatorias de axudas con fondos de transición xusta que non conten con resolución firme ao entender, como manifestou desde o estrado o deputado Xosé Manuel Golpe, que as bases non se axustan ás necesidades da repartición territorial nas zonas de transición xusta afectadas o peche das centrais das Pontes e Meirama. Golpe incidiu en que é necesario modificar estas bases porque quedan excluídos tres concellos lugueses (Muras, Xermade e Vilalba) por non pertencer á provincia da Coruña, onde se situaban as centrais clausuradas.
Na súa quenda, Rubén Lorenzo (PP) sinalou que as axudas articuladas pola Xunta con fondos de transición xusta "non podían facer outra cousa" que seguir os criterios marcados "polo Goberno central e Europa", co que xustificou o rexeitamento á iniciativa. A encargada de defender a postura do PSdeG foi a deputada Patricia Iglesias, que propuxo ao Bloque a modificación da iniciativa para "matizar" no texto que a paralización das convocatorias que se demandaba se ligase á modificación das bases reguladoras das mesmas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.