Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/11/2018 | Actualizada ás 13:00
O preso fuxido do cárcere de Teixeiro (A Coruña) tiña un "bo comportamento" e gozaba de permisos de saída por "orde xudicial" desde 2016. Nesta data, o xuíz autorizou os primeiros permisos porque "non estaba de acordo" coa decisión da Xunta de Tratamento, que llos estivo denegando durante os anos anteriores.
O seu caso coincide co doutro reo fuxido hai uns meses do penal de Pereiro de Aguiar e que fora condenado por matar á súa muller e os seus dous fillos. Tamén este reo aproveitou un permiso para fuxir da prisión da que estaba previsto que a abandonara en outubro de 2021, tras ingresar en 1996.
No caso do preso de Teixeiro, o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que asegurou que o preso, condenado por asasinato e que fuxiu fai tres semanas do centro penal de Teixeiro durante un permiso, gozaba deste e de anteriores permisos "desde 2016", porque así o resolveu un xuíz. "Neste momento tiña un bo comportamento e concedíaselle (o permiso) porque desde 2016 o xuíz dixera que a Xunta de Tratamento denegárallo e non estaba de acordo. A partir dese momento, coincidindo con datos de bo comportamento, xa se lle concedían", dixo Losada.
O delegado lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos cidadáns, que poden ter a "seguridade" de que "cando se conceden estes permisos é porque está garantido por unha orde xudicial".
O convicto, que xa tiña "unha cuarta parte da condena cumprida" e que xa gozara de anteriores permisos, fora condenado a 27 anos polo asasinato dun mozo de 25 anos orixinal de Malpica, ocorrido o 3 de xuño de 2006 en Ponteceso (A Coruña). A Garda Civil segue "enriba" deste preso para dar co seu paradoiro.
O dos presos de Teixeiro e de Ourense non son os únicos. En xullo deste ano a Garda Civil detiña en Vigo ao autor dun homicidio ocorrido en Lugo hai 13 anos que permanecía fuxido da xustiza desde 2014, ano no que aproveitou un permiso para non regresar ao centro penal da Lama (Pontevedra), onde cumpría condena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.