Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2018 | Actualizada ás 13:28
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, asegurou que os efectivos de emerxencias da comunidade están "preparados" e "en alerta" para actuar se fose necesario ante a chegada dun novo temporal, que está previsto que dure "entre tres e catro días". En todo caso, apelou á responsabilidade cidadá e a tomar "medidas de autoprotección".
Ante a pregunta de se 'Óscar' entrará con máis forza que a borrasca 'Beatriz', Menor contestou contestou que as perspectivas "son bastante similares". Así o informou en declaracións aos medios antes da constitución do grupo de traballo da Comisión do Xogo.
"Temos un fenómeno de meteoroloxía adversa no que se dan todas as variables: fortes ventos de intensidade que nalgúns puntos espérase que superen os 100 quilómetros por hora, e daranse choivas tamén moi persistentes, que en zonas das provincias da Coruña e Pontevedra superarán en 12 horas os 80 litros por metro cadrado", relatou.
Ao tempo, precisou que, no mar, está previsto que se rexistren ondas de até 6 metros de altura. Ademais, incidiu na "continuidade" do temporal, que durará "entre tres e catro días" cunha intensidade "importante".
"AFEITOS A QUE CHOVA"
Menor subliñou que os galegos están "afeitos a que chova" e a este tipo de fenómenos meteorolóxicos adversos, o que, ao seu xuízo, constitúe "un dos segredos" para que, cando se producen este tipo de temporais, "non adoiten ocorrer desgrazas".
No entanto, tras remarcar que os efectivos de emerxencias están preparados polo que poida ocorrer, aproveitou para apelar á responsabilidade cidadá e chamou a que "todo o mundo tome medidas de autoprotección", que siga os consellos das autoridades e "evite situacións de risco".
ALERTA LARANXA E SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES
A Xunta xa informara da alerta laranxa decretada ante a chegada do novo temporal e o protocolo activado que, entre outras cuestións, supón que a Consellería de Educación suspendese este venres desde as 12.00 horas as actividades no exterior dos centros educativos. Será un día lectivo en todos os centros, aínda que os directores poderán adoptar as decisións oportunas se existe un risco declarado. Ademais, debido ao temporal costeiro suspéndense as actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas consideradas máis perigosas.
"Está protocolizado", sinalou Menor. Explicou que, en todo caso, se comprobará a evolución do temporal e se adoptará calquera medida complementaria similar que se considere precisa para evitar riscos. "No momento no que sexa preciso tomar algunha outra medida de suspensión como pode ser da actividade deportiva, farémolo", sinalou, á vez que concluíu que, con tal fin, están coordinados os responsables de diversos servizos, as centrais meteorolóxicas e os servizos de emerxencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.