Freddie, Felix, Arvo e María

45, 38, 83 e 16 son os anos de vida – xa tristemente definitivos ou aínda en marcha - de catro estrelas musicais: tres figuras da música culta e un astro da música popular. Todos eles proxectaron a súa luz en Galicia nas últimas semanas.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 14/11/2018

Comparte esta noticia
Freddie Mercury. (Stone Town, Zanzíbar, Tanzania, 1946 – Kensington, Londres, 1991) A crítica está sendo bastante negativa coa película que debuxa a vida deste extraordinario cantante. En xeral, lamentan que non sexa máis salvaxe retratando o lado escuro de Farrokh Bulsara. Algo así deixaría fóra a unha parte grande do público, e hai algo de encanto infantil no seu grupo, Queen, sempre que non se entre nas letras dalgunhas cancións do repertorio dos británicos. Dirixida inicialmente por Bryan Singer, e despois por Dexter Fletcher, “Bohemian Rhapsody” é unha longametraxe emocionante que conta unha historia de superación e adversidade. Os propios críticos recoñecen o traballo electrizante de Rami Malek no papel principal. Pero hai dúas actuacións adicionais que son dignas de mención: a de Lucy Boynton encarnando ó amor máis grande de Freddie, Mary Austin. É, aínda que moi brevemente, está a sorpresa de ver ó ridículo crego que pretendía a Elizabeth Bennett na maxistral “Orgullo e Prexuízo” (Joe Wright, 2005), é dicir, Tom Hollander, dando vida ó manager do grupo Jim Beach e converténdose, á maneira de Tom Wilkinson, nun actor de marabillosa dicción inglesa e sabedoría serena en xestualidade. 
      Para máis ataques directos ó corazón dos que vivimos esa época, queda reflectida en “Bohemian Rhapsody” un suceso de alcance mundial que tamén foi no seu día contemplado con cinismo e desdén: a iniciativa de Bob Geldof - chamada Band-Aid en disco e Live Aid en concerto – para axudar coa fame extrema en Etiopía. Foi algo que dignificou ó mundo do rock e a unha xeración, e a participación no macroconcerto de Queen, ben replicada nesta recomendable película, fará brotar as lágrimas de moitos espectadores.
 
Felix Mendelssohn. (Hamburgo 1809 – Leipzig 1847) Mendelssohn marcou un dos puntos álxidos do concerto ofrecido pola Orquestra Sinfónica de Galicia en Pontevedra o 1 de novembro de 2018. Paganini e Pärt foron os outros dous compositores que completaron o programa. A famosa sinfonía número 4 “Italiana” impacta sempre coa súa suntuosa melodía principal, indeleble nos sentimentos xa dende a bela versión con toques de tango que gravara o arxentino Waldo de los Ríos (que se suicidou con 42 anos) coa orquestra Manuel de Falla nos anos setenta. Causa pena que o romántico Mendelssohn entrase ós 38 anos no tráxico club dos grandes músicos falecidos antes de tempo.
 
Arvo Pärt. (Paide, Estonia, 1935) Este xenio de 83 anos é o creador dunha irresistible síntese de músicas antigas - como o canto gregoriano e a polifonía - que se percibe como un son actual. A extrema sensibilidade da súa peza instrumental de 1977 chamada “Fratres”, Irmáns, foi ben recreada pola OSG, en parte porque o director, o ruso Dima Siobodeniouk, non fixo gala, como noutras fases do concerto, dunha contención que semellaba restar paixón aos músicos. O efecto de Pärt, xa que logo, foi hipnótico e profundamente conmovedor: unha bruma de poderosos sentimentos dramáticos e melancólicos (as secuencias deste tema foron empregadas en varias películas e documentais). 
 
María Dueñas. (Granada, 2002). Toda a asistencia pontevedresa quedou admirada do portentoso talento interpretativo desta moza de 16 anos que xa gañou varios premios importantes a nivel internacional. Á maneira de Mozart, ela tamén é compositora. De aspecto, podería ser a irmá pequena da cantante Rosalía. O vestido elegante branco e prateado  e o movemento da súa coleta reflicten a graza e o espírito impetuoso, e pode ser que tamén ambición. Para o lucimento das súas dotes musicais, María Dueñas tivo que enfrontarse a unha monstruosidade: unha peza de Niccolò Paganini excesivamente longa, unha composición  cruel e case inhumana pola memoria, a velocidade e a técnica que requiren da violinista solista. A novísima artista aínda tivo arrestos para obsequiar cunha breve propina que tamén esixía rapidez. Porén, toda a velocidade chegaba a ser un pouco estéril, e cando a granadina emocionaba realmente era en partes máis lentas e líricas durante as cales había no seu rostro unha sombra de sufrimento. 
 
Grazas, pois, Freddie, Felix, Arvo e María por traer beleza e verdade a estas terras galegas nestes tempos inclementes de frío e de pesar polas tormentas de desolación que proceden das noticias do mundo e dos labirintos de confusión nos que entramos, día a día, todos nós.

Freddie Mercury
Freddie Mercury | Fonte: eluniversal.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.