Por Silvia López | Santiago de Compostela | 15/11/2018 | Actualizada ás 22:00
"Cada camiño deste país conduce a patrimonio". Estas verbas de Soledad Felloza, representante da Rede do Patrimonio Cultural (RPC), recollen a idea coa que naceu este colectivo: a de dar visibilidade ao amplísimo número de bens patrimoniais que temos en Galicia. Co gallo do Día do Patrimonio Mundial, este 16 de novembro, esta rede organiza unha morea de actividades orientadas á posta en valor do patrimonio galego dentro do panorama global.
España é o terceiro estado do mundo con máis bens declarados Patrimonio Mundial ou da Humanidade pola Unesco. Cóntanse un total de 47, dos cales catro se atopan na nosa comunidade: a Torre de Hércules na Coruña, a muralla romana de Lugo, o Camiño de Santiago e o casco histórico da propia cidade compostelá.
Mais a riqueza patrimonial de Galicia chega alén desa distinción concedida pola Unesco. "Cada recuncho do país está inzado de patrimonio. Nin sequera coñecemos todo o que hai. Hai moitos bens catalogados, pero outros que aínda non o están", explica Soledad Felloza, uruguaia residente en Galicia que adoptou desta terra a querenza por toda a nosa cultura.
A Rede do Patrimonio Cultural naceu o 3 de xuño do 2017 coa vontade de integrar nun único colectivo ao maior número posible de entidades galegas que traballasen a prol do patrimonio. "A Rede xorde coa idea de unir forzas. O tecido asociativo vinculado ao patrimonio en Galicia é enorme: en cada concello, en cada aldea, hai algunha agrupación deste tipo. Moitas veces temos situacións similares, ás que é máis difícil facerlles fronte traballando cada un polo seu lado ca se o facemos de forma conxunta", di Felloza.
Dunha forma semellante ve isto Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares, unha das asociacións que conforman a extensa rede. "É unha ferramenta fundamental", asegura, "aglutina unha serie de colectivos cos que ao mellor antes non tiñamos contacto". Mario Maceiras, da Asociación Monte Pindo Parque Natural, opina igual: "As sinerxias suman, e non restan".
Hoxe xa son preto de 90 entidades, pero agardan que continúen adheríndose máis, "por moi pequeniñas que sexan, porque aquí hai oco para todas", tal como subliña Soledad Felloza. Carlos Fernández Coto, da Asociación para a defensa do Patrimonio cultural Galego (Apatrigal), incide tamén na diversidade existente dentro da Rede. "O noso labor é formar unha piña en torno ao patrimonio cultural en todas as súas vertentes", explica. Pón de exemplo asociacións que promoven o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, o do xogo, o da música, etc.
"DESATENCIÓN" E "FALTA DE CONCIENCIA"
Malia contar con semellante cantidade e variedade de bens patrimoniais, aínda non está totalmente claro que se lles outorgue o valor merecido a nivel social e institucional. O noso patrimonio, di Soledad Felloza, "non pode ser coidado, controlado e protexido só pola Administración; a sociedade civil ten que se implicar nese coidado. Temos que ser responsables e esixir tamén esa atención necesaria".
A fío da conciencia social arredor deste aspecto, comenta que se dan situacións dispares: hai certas cuestións nas que a cidadanía está moi involucrada e concienciada, e outras nas que non tanto. "A miña experiencia, a título persoal, é a de que cando a xente coñece o que ten, pasa a coidar iso", engade para remarcar a importancia da divulgación e difusión deste tipo de información.
O presidente de Patrimonio dos Ancares, pola súa parte, móstrase algo menos optimista. Alude a unha "falta de conciencia entre a sociedade" e lamenta os continuos episodios de maltrato a mámoas, petróglifos... Con todo, apunta directamente ao "desleixo" da Administración pública en materia de patrimonio cultural. Mario Maceiras súmase a esta postura crítica sobre a "desatención" por parte da Xunta, e esténdea cara o ámbito do medio natural. "As institucións só poñen o interese naquelas actividades que lles supoñan unha facturación anual. O medio natural e o patrimonio son os grandes prexudicados desta liña de actuación política", reprocha o secretario da Asociación Monte Pindo.
A necesidade de dignificar e dar visibilidade a dita riqueza patrimonial, "tantos anos esquecida", reside na "nosa identidade como pobo galego", pensa Fernández Coto. "É unha forma de non perder ese legado cultural que nos identifica, que nos define e que forma parte da nosa historia e da nosa forma de ser".
"TI DECIDES POR ONDE CHEGAR AO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO"
Con este obxectivo na mira -o de pór en valor o noso-, a Rede do Patrimonio ten previstas decenas de actividades espalladas por toda a xeografía galega até o próximo 22 de novembro. É o segundo ano no que se conmemora deste xeito o Día do Patrimonio Mundial. Desta volta, celébrase baixo o lema de 'ti decides por onde chegar ao patrimonio cultural galego'. "Simplemente tes que coller un carreiro, unha corredoira, unha estrada... e sempre vas chegar a un xacemento ou a algún espazo que teña moito valor. Nós convidamos á xente a que colla un camiño e que vaia a coñecer e ver patrimonio", propón Soledad Felloza.
Exposicións, conferencias, visitas guiadas, andainas e roteiros nocturnos, visitas a centros de ensino, xornadas de antropoloxía... O espectro de posibilidades é "amplísimo" e contémplanse actividades pensadas para todas as idades. Este mapa recolle todos os eventos dos que falamos.
E cara onde se dirixen os esforzos de todas estas entidades unha vez pase o Día Mundial do Patrimonio? Pois o compromiso perdura. Cada asociación seguirá adiante co seu programa de actividades anuais, pero, a maiores, a Rede iniciará unha das súas grandes campañas. "Imos pola Televisión de Galicia!", di entre risas Soledad Felloza. "Por lei, está establecido que a TVG ten que ter un espazo dedicado ao patrimonio. Queremos ese espazo!", anuncia Felloza.
E precisamente a lingua é outro dos focos sobre os que se orienta a Rede de Patrimonio Cultural. Animan a compartir en redes publicacións co cancelo #DíaDoPatrimonio e #AnoEuropeoDoPatrimonio, porque queren "situar no mapa mundial do hashtag a nosa lingua, darlle visibilidade".
E é que, tal como explica Fernández Coto (Apatrigal), "o patrimonio cultural é a nosa identidade: non podemos renunciar a el porque é o que nos define como pobo galego. Temos que defendelo para defendernos tamén neste mundo máis globalizado". Quedan aínda moitos carreiros por percorrer e descubrir. A porta xa está aberta e só queda botar a andar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.