Por E.P. | VIGO | 15/11/2018 | Actualizada ás 14:28
A planta viguesa de PSA Peugeot Citroën comezará a produción de pre-series do novo modelo --o 'todocamiño' coñecido como proxecto V20-- no próximo mes de maio, e o lanzamento industrial terá lugar no terceiro trimestre de 2019, de maneira que o sistema de montaxe M1, para o que se está negociando un expediente de regulación de emprego temporal, terá tres quendas en xaneiro de 2020.
Así o trasladou a empresa aos sindicatos na reunión da comisión negociadora do ERTE, que tivo lugar este xoves. No encontro, deulles a coñecer aos representantes dos traballadores o escenario de industrialización vinculado ao lanzamento do novo modelo, e confirmoulles que o 'todocamiño' terá unha versión eléctrica.
Con respecto á situación dos traballadores da liña M1, que monta os modelos Peugeot 301 e C-Elysée, e aos que debe aplicarse o ERTE por baixa produción --mentres non se fabrica o novo modelo--, a empresa concretou que, coa eliminación dunha quenda, serán finalmente 350 os operarios que deberán ser "recolocados": A dirección expuxo que 250 traballadores se asignen á liña M2 e á quenda que quede na M1, e que outros 100 pasen a "quendas variables".
Por outra banda, a empresa avanzoulles aos traballadores que o actual taller de baterías para coches eléctricos que hai na fábrica viguesa será "adaptado" para chegar a producir 10 baterías por hora, e prover a todas as plantas do grupo PSA en Europa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.