Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/11/2018 | Actualizada ás 19:45
O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra ditou un auto no que lle outorga un "último e improrrogable prazo" dun mes ao Concello de Tui para que execute a demolición da pirotecnia La Gallega, na parroquia de Baldráns, e cuxo dono está en prisión preventiva pola explosión dun almacén pirotécnico clandestino situado na zona de Paramos que causou a morte a un matrimonio, decenas de feridos e cuantiosos danos materiais.
No auto, o maxistrado lembra que existe unha sentenza de 2014 que anulou a licenza de obra de legalización e de actividade desas instalacións. En 2017, o denunciante instou a execución da devandita sentenza e, a partir dese momento, presentáronse "numerosos escritos" polas partes persoadas no proceso.
O xulgado remitiulle ao Concello de Tui varios requirimentos para que execute a sentenza, que obriga ao desaloxo, demolición das instalacións e cesamento da actividade da pirotecnia pero, segundo constatou o xuíz, máis de tres anos despois da sentenza, non se avanzou na súa execución.
De feito, debido a esa situación, o xulgado impúxolle dúas multas coercitivas persoais ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, por importe de 300 e 1.500 euros respectivamente.
O pasado 9 de novembro, o alcalde remitiulle ao xulgado un cronograma para proceder á demolición das instalacións pero o maxistrado indicou, no seu último auto, que non acepta ese cronograma porque resulta "demasiado dilatado no tempo".
Ademais, subliña o xuíz, "o perigo que leva para a seguridade pública" a existencia dunhas instalacións pirotécnicas onde aínda se realiza actividade "de maneira clandestina e ilegal", posto que carece das preceptivas licenzas urbanísticas.
"URXENCIA, GRAVIDADE E PREMURA"
"Dada a urxencia, gravidade e premura do asunto, un mes é tempo máis que suficiente para poder alcanzar este resultado. Non procede xa concederlles máis prazos aos propietarios para a execución voluntaria, debe realizar directamente a Administración a execución subsidiaria", reza o auto do xulgado de Tui.
Para iso, insta ao Concello a porse en contacto coa Subdelegación do Goberno para que Policía Local e TEDAX das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado se coordinen para "forzar a entrada do recinto" e proceder a trasladar e destruír o material explosivo, como paso previo á demolición.
Así, o xulgado establece que, nun prazo de dez días, os corpos policiais deberán inspeccionar a pirotecnia, entrando pola forza se os propietarios non acceden de forma voluntaria e, nos 20 días seguintes, procederán ao desaloxo do material.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.