Rosendo exercía "control mental" e "explotación" sobre os 'Miguelianos', segundo a Garda Civil

Os especialistas que declararon no xuízo aseguran que non había preparación nin indución nos relatos e por tanto lles outorgan veracidade.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/11/2018 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

Os dous peritos da Garda Civil que avaliaron psicoloxicamente a seis 'Miguelianos' declararon que Miguel Rosendo empregaba a "submisión", o "control mental" e a "explotación" como "técnicas de persuasión coercitiva" sobre os membros da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo.

Miguel Rosendo á súa entrada á Audiencia Provincial de Pontevedra.
Miguel Rosendo á súa entrada á Audiencia Provincial de Pontevedra. | Fonte: Europa Press

Estes expertos sostiveron que utilizaba todo un "manual de persuasión coercitiva" sobre os membros do grupo, non unha soa técnica. Esta é unha das conclusións do seu informe, sobre o que se ratificaron, que presentaron tras realizar as entrevistas que se lles encargaron como apoio ás dilixencias da Policía Xudicial de Tui. Ambos peritos, que son licenciados en Psicoloxía e contan con varios másteres de especialización, declararon este martes na vixésimo sexta sesión do xuízo coñecido como dos 'Miguelianos' e sostiveron que "non había preparación nin indución nos relatos", polo que lles outorgan veracidade.

Estes gardas civís viñeron desde Madrid para realizar as entrevistas. Mantiveron encontros coas supostas vítimas de abusos sexuais M.P.A., B.D.P. e A.L.S.; cos acusados nesta causa E.R. e D.E., que tamén son considerados vítimas; así como con F.J.C.V., tamén vítima. A encomenda que recibiron foi a de avaliar a "dependencia psicolóxica" destes exmembros da Orde con respecto do seu líder, Miguel Rosendo. Para iso empregaron o "índice de abuso psicolóxico grupal", xa que o consideran a "única" maneira de "medir" esa dependencia.

A preguntas da acusación particular revelaron que as entrevistas arroxaban un resultado sempre "por encima da media" en relación á "submisión" e ao "control mental". Á súa vez, apuntaron que non había "simulación", é dicir, que os síntomas que referían eran "xenuínos" e non os inventaron. "Miguel botáballes a rifa, culpáballes de todos os males e iso producíalles medo e culpa sobre todo", manifestaron, para aclarar que a "activación" do "medo", a "culpa" e a "ansiedade" está "fortemente presente" en todos os entrevistados.

VERACIDADE NO RELATO DE ABUSOS

Respecto dos supostos abusos sexuais, estes peritos testificaron que recibiron catro testemuños de abusos que destacan porque ningún relato "segue un guion", o que lles achega "veracidade", e que tampouco se "esaxeran" as agresións. Os peritos, que tamén se entrevistaron co líder, declararon que Rosendo tiña un "modo de actuar sutil" que, unido á mocidade coa que estas mulleres entraron en contacto con el, provocou que elas "non se desen conta" de que estaban a ser manipuladas.

Así mesmo, relataron que estas 'exMiguelianas' foron conscientes, ao "confrontar" as súas vivencias coa "realidade", de que foran "enganadas" e "estafadas", pois así o manifestaron nas entrevistas. "Confiaban en Miguel, os seus pais leváranas alí, non tiñan vontade de desconfiar", aseveraron. Segundo a testifical dos peritos, nos 'Miguelianos' había como uns "círculos concéntricos de confianza e só o máis próximo a Rosendo sabíao todo". No seu informe recollen que "buscan o aprecio do grupo porque son a súa familia" e que o castigo é o "illamento psicolóxico", que resultaba moi efectivo debido a que "toda a súa vida viraba na contorna da Orde".

BISPO EMÉRITO

O bispo emérito da diocese Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo, testificou que "nunca" observou "estridencias" nos 'Miguelianos'. Foi el quen lles deu a súa aprobación para converterse primeiro en asociación privada de fieis e despois, xusto o ano en que se xubilou, en 2009, concedeulles pasar a ser "asociación privada de fieis".

Diéguez Reboredo sostivo que non tivo noticias dos supostos abusos até despois da súa xubilación, en 2013, e que "unha nai" dun 'Migueliano' "avisouno" de que vía cousas raras antes, pero non referiu nada sobre abusos. O bispo emérito sostivo que "non eran unha congregación relixiosa" polo que non debían referirse a Rosendo como "pai" e escandalizouse ante a pregunta de se coñecía que recollían "pelos" e "unllas" do líder como "reliquias". O xuízo coñecido como dos 'Miguelianos' renóvase este mércores na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta