Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2018 | Actualizada ás 13:43
O proxecto 'Unha Gran Burla Negra', promovido por Abel López e Jorge Liñeira, nace co obxectivo de facer "memoria" sobre a "explosión" cultural e social que seguiu á catástrofe do Prestige, o petroleiro que se afundiu fronte á costa galega a finais do 2002.
Para iso, un grupo de investigadores recompilou os carteis, pezas artísticas, textos, imaxes, músicas e demais para crear un arquivo "vivo" que quedará a disposición da sociedade galega a través de Internet e nun fondo que albergará a Biblioteca Xeral de Universidade de Santiago.
Ademais, organizan un programa de actividades, con conferencias e exposicións, que percorrerá a xeografía galega. A primeira parada será en Santiago de Compostela, onde este venres se inaugura o proxecto 'Unha Gran Burla Negra' coa conferencia do profesor da Universidade de Princeton Germán Labrador, á que seguirá unha mesa redonda que analizará a acción creativa nos procesos de mobilización social e política.
O Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago, acolleu este xoves a presentación da iniciativa con presenza dos seus promotores, Abel López e Jorge Liñeira, que estiveron acompañados polo alcalde compostelán, Martiño Noriega, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; entidades que colaboran no proxecto.
MEMORIA
Segundo explicou Liñeira, 'Unha Gran Burla Negra' xorde da percepción de que non foran recompilados os traballos que acompañaron a mobilización que se produciu na sociedade galega en protesta pola xestión da catástrofe, que creou unha "onda" de creatividade en moitas disciplinas, desde as artes plásticas ás audiovisuais, musicais ou escénicas.
Para evitar que "todo ese material que se estaba perdendo" caese no esquecemento, estes investigadores puxéronse en marcha para "recoller ese relato" e "difundilo" entre a cidadanía de Galicia, á que convidan a "ceder" esas pezas que teñan na súa casa.
A propia Goretti Sanmartín confesou que, ao coñecer a iniciativa, atopouse no seu fogar con moito deste material, como unha baralla de cartas na que saían caricaturizados algúns dos responsables políticos durante a época do Prestige, como o expresidente do Goberno José María Aznar ou o exmandatario autonómico Manuel Fraga.
Sanmartín apuntou que a catástrofe xerou na sociedade galega unha "efervescencia cultural" na que "todo o mundo quería producir" durante "uns momentos especiais nos que parecía que todo podía pasar" e que demostrou que "dentro da desgraza hai un aire de optimismo".
Para o rexedor santiagués, Martiño Noriega, o movemento Nunca Máis abriu "formas de protesta que non existían" a través dunha mestura de "cultura e reivindicación". Como lembra Abel López, foi o Prestige "o inicio da conciencia colectiva" de Galicia no século XXI e a invención do concepto "mani+festa+acción", que foi recollido máis tarde por outros movementos sociais, como o 15-M.
Noriega enxalzou unha iniciativa que 16 anos despois da "maior catástrofe ecolóxica" rexistrada na historia de Galicia bota a vista atrás para acumular "o coñecemento xerado neses anos" nos que a sociedade galega "cambiou para sempre".
INICIATIVAS
Ademais do arquivo on-line e físico, 'Unha Gran Burla Negra' organiza unha serie de eventos e actividades que xorden coa intención de perdurar no tempo. Polo momento, xa elaboraron un programa para os próximos seis meses, que comeza este venres coa presentación do proxecto no Auditorio de Galicia da capital galega.
Após isto, o próximo día 30 de novembro A Pobra do Caramiñal (A Coruña) acollerá a estrea dun curto documental, ademais dunha mesa redonda sobre a ecoloxía e o ecosistema mariño. A mediados de decembro, 'Unha Gran Burla Negra' volverá ao Auditorio de Galicia, onde terá lugar o III Foro Negro da Cultura. Xa en xaneiro, organizan unha presentación na cidade da Coruña, á que seguirá unha exposición no Palexco e unha mesa de debate no que participarán algúns dos xornalistas que seguiron a catástrofe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.