Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 15:02
Novos documentos publicados por El Mundo esta semana volveron a sacar a luz o financiamento en negro do PP en Galicia durante os gobernos de Fraga. Ademais das numerosas donacións recibidas de grandes empresas a contabilidade incautada a Crespo mostra que o PPdG pagou desde 1992 até 2001 polos menos 20 millóns das antigas pesetas en man. É dicir, en negro e sen factura. Uns feitos que serían coñecidos por Rajoy, Fraga e Arenas, tal e como aparecen nos coñecidos “Papeis de Bárcenas” e que o propio implicado e Pablo Crespo, ex tesoureiro do PP galego, terían corroborado ante os xuíces.
Así, un folla de cálculo descuberta nun dos despachos da trama inclúe un cargo de 5 millóns das antigas pesetas a cargo de “Modesto”, que pode tratarse de Modesto Fernández, xerente do PPdeG. No lapis de memoria incautado que ocultaba o contábel de Crespo aparece identificado con nome e apelidos como quen autorizou "gastos extras" ás empresas da trama na organización de actos da campaña de PPde Galicia durante 2001.
De feito, esta mesma semana volvía a saír público o nome do ex xerente do PPdeG. O xornal El Mundo publicaba parte de información dunha ampla selección de documentación prodecente da coñecida como operación Kitchen. Así figura unha carta manuscrita do ex xerente do PP galego a Luís Bárcenas na que, tras desculparse polo atraso, remitíalle a contabilidade oculta da formación en Galicia.
NUMEROSOS PAGOS EN B
Segundo a documentación incautada pola Polícia no sumario sobre Bárcenas, aparecen numerosos pagos en B nas contas do PPdeG, entre eles, un de 44 millóns de pesetas. Ademais destes cobros en man, tamén poden ser pagamentos en diñeiro negro numeras entregas de cheques, nas que tampouco figura a emisión de factura algunha.
Só na campaña de 2001 o PPdeG deu 56.380.000 pesetas a trama, que anotou estes pagamentos baixo o epígrafe "Cobros sin IVA". Noutros documentos dáse conta de que o PP debía aínda 20 millóns á trama pola organización dos mitins de 2001. Dos mitins de 1999 a Gürtel consideraba, cando fixo a folla de cálculo, que o PP lle debía 20,8 millóns de pesetas.
De feito, a Policía calcula que o PPdeG pagaba a metade dos mitins en negro, un 52 por cento aproximadamente. Así figura no sumario: “la forma de financiar los servicios prestados al Partido Popular presenta una doble vía: por un lado un conjunto de los gastos generados (47,78 %) se financiaría con fondos de la formación política existentes en el circuito financiero ya sean fondos propios o ajenos, por tanto fiscalizables; y otra parte de los gastos (52,22%) los denominados B se pagan directamente en efectivo en unos casos con soporte documental (notas de recibí no facturas) y en otros sin ellos, pero en todo caso con recursos B ajenos por tanto al circuitoeconómico”.
O MUÑIDOR DA TRAMA
Crespo marchou de Galicia tras a caída en desgracia de José Cuíña. Deixou o PP e emigrou a Madrid, onde de seguido comezou a traballar organizando actos do partido. O PP sempre alegou que Crespo está desvinculado da organización dende comezos de século, alegación que, el desmentiu asegurando e confirmando a existencia dese diñeiro en negro.
De feito, no sumario hai moitas probas que demostran que Crespo e os seus socios seguiron sendo os homes de confianza para montar os mitins en datas tan tardías como 2006, sobre todo en Madrid e Valencia. Hai, por exemplo, facturas de actos do propio Mariano Rajoy en 2006.
Durante o período que marcharon do PP Galego e seguiron traballando para outras ramas conservadores no Estado, a trama non deixou de reclamar o que crían se lle debía en Galicia. Fixérono, ademais de a través dunha carta a Rajoy, a través de misivas a Manuel Fraga e Javier Arenas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.