A frota galega poderá seguir faenando en augas británicas até 2022

O acordo do 'brexit' contempla un período de transición que supón "un pouco máis de tempo" respecto do inicialmente previsto. Por outra banda, Rueda admite que "agora mesmo as perspectivas non son tranquilizadoras" para Galicia en relación cos futuros fondos europeos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2018 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O acordo pechado entre a Unión Europea e o Reino Unido para o 'brexit' permite que a frota galega siga faenando en augas británicas até 2020, cunha etapa de transición que pode chegar até 2022. 

Rueda reúnese co embaixador de España en Bruxelas. XUNTA
Rueda reúnese co embaixador de España en Bruxelas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Trasladoullo este luns o embaixador de España ante a UE, Pablo García-Berdoy, ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha reunión mantida en Bruxelas. Respecto diso, Rueda sinalou que con este encontro búscase ter "información de primeira man" sobre as negociacións, en especial sobre o que máis interesa a Galicia, como é o impacto que pode ter na frota pesqueira.

Sobre este extremo, Rueda valora que "as cousas van polo bo camiño", xa que está "enriba da mesa" que para que poidan entrar produtos pesqueiros británicos ao mercado comunitario débese permitir o acceso de frota como a galega aos seus caladoiros.

Así, prevese que poida seguir pescando até 2022, "un pouco máis de tempo do que estaba previsto inicialmente", co período de transición, a falta de saber que pasará en negociacións para o futuro. Por iso, o vicepresidente da Xunta mostra a súa "tranquilidade" e "optimismo" ao contemplarse "un período máis amplo".

Con todo, o vicepresidente galego cre que o importante é que se alcance un acordo de "forma definitiva" posterior a esa data, aínda que remarca que hai "moitos intereses en xogo de moitos países", polo que corresponderá a posteriores negociacións. Ademais, lembra que hai máis intereses en xogo para a Comunidade galega relativos a outros produtos e a libre circulación de persoas.

"NON ESTÁ NIN MOITO MENOS GARANTIDO QUE PODAMOS MANTER FONDOS"

No tocante ao futuro marco financeiro plurianual 2021-2027, o vicepresidente da Xunta admite que "agora mesmo as perspectivas non son tranquilizadoras" para Galicia, ante o risco de perder fondos europeos. "O que nos transmitiu hoxe o embaixador é que temos moito traballo por facer e que, desde logo, a día de hoxe non está nin moito menos garantido que podamos manter os nosos fondos", explica.

Entre outras cuestións, estímase unha diminución do orzamento para cooperación a partir de 2021, xa que a Comisión Europea propón un descenso xeralizado de cofinanciación europea na execución de fondos Feder e o Fondo Social Europeo.

Con todo, a Xunta aposta por "traballar" e "buscar aliados" para evitar estes recortes, que "non se poden producir en ningún caso". Chama a moverse "con máis intensidade a partir de agora". E é que lembra que no ano 2014 "había unha posibilidade certa de que Galicia baixase moito en fondos", pero con "traballo" reverteuse. "Tamén o Goberno español ten que traballar como se fixo en 2014", avisa.

Para iso, apunta que existen argumentos como que Galicia "fai un bo uso dos fondos", así como que o problema demográfico "necesita unha axuda suplementaria" de partidas. Tamén deixa claro que a Comunidade pode ser "dobremente prexudicada" polos métodos de cálculo como rexión en transición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta