Por Galicia Confidencial | Madrid | 27/11/2018 | Actualizada ás 21:09
Foi un dos fitos da ciencia. InSight, a sonda espacial da NASA, aterrou este luns en Marte. A súa misión, tras percorrer 485 millones de quilómetros, explorar por primeira vez o interior doutro planeta. O reto é enorme. E aos mandos que levaron a nave até o plantea vermello estivo o enxeñeiro aeroespacial de orixe galega Fernando Abilleira, director adxunto desta misión.
Fernando Abilleira naceu en Madrid en 1970, pero ten no seu ADN unha importante pegada galega, xa que parte da súa familia é de Sanxenxo. O seu apelido tamén o delata. Graduouse no Colexio San Antonio María Claret de Madrid, en 1995 e no 2001 recibiu no Parks College of Saint Louis University, en Missouri (Estados Unidos) o título de enxeñeiro aerospacial Superior.
Empezou a súa carreira profesional na NASA no Goddard Space Flight Center, situado en Greenbelt, Maryland (Estados Unidos), onde deu soporte de análise e deseño de misión ao James Webb Space Telescope, Hubble Space Telescope, Solar Dynamics Observatory e ST5, entre outros. A principios do 2004 empezou a traballar no Jet Propulsion Laboratory da NASA, situado en Pasadena, California, como analista de traxectoria e enxeñeiro de Deseño de Misión para a Oficina do Programa de Exploración de Marte.
Fernando Abilleira deu soporte técnico a múltiples misións e estudos que inclúen o Mars Telecommunications Orbiter, Mars Science Orbiter, Mars Netlanders, Mars Sample Return, futuras misións tripuladas a Marte e outros estudos avanzados.
En 2007 entrou a formar parte do equipo de Deseño de Misión e Navegación do proxecto Mars Science Laboratory ( MSL) o cal aterrou o rover Curiosity en Marte o 6 de agosto de 2012 con tremendo éxito. Tamén dirixiu o traballo dos estudos preliminares de deseño de misión das misións conxuntas da NASA e da ESA (Axencia Espacial Europea) que se planeaban lanzar no 2016 e 2018.
É o responsable de Deseño de Mision e Navegacion do InSight.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.