A experta chamada polo PP na comisión da sanidade "contradí todos os consensos científicos sobre hepatite C"

Quique Costas, portavoz da Plataforma de Afectados por Hepatite C, critica as polémicas intervencións da economista Beatriz González López-Valcárcel e do portavoz do PP Aurelio Núñez Centeno na comisión de investigación no Parlamento galego.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 30/11/2018 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

"Extremadamente graves". Así cualifica o portavoz da Plataforma de Afectados por Hepatite C, Quique Costas, as declaracións da economista Beatriz González López-Valcárcel na comisión de investigación sobre a sanidade, no Parlamento galego. A profesora de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión na Universidad de Las Palmas de Gran Canaria forma parte da lista de comparecentes que impuxo o PPdeG nesta comisión. Os seus argumentos causaron enorme indignación. González López convida a aforrar medio millón de euros retirando tratamentos oncolóxicos a enfermos terminais. Tamén propuxo non administrar antivirais directos a enfermos de hepatite C en fase de fibrose F0 e F1, o cal vai contra as directrices da Alianza para la Eliminación de las Hepatitis Víricas en España. O deputado e portavoz do PP na comisión, Aurelio Núñez Centeno, non dubidiu en usar os argumentos da comparecente para defender a xestión da Xunta na administración de medicamentos contra a hepatite C, trala crise polas mortes de varios pacientes que non tiveron acceso aos tratamentos e polas que hai unha causa xudicial aberta. Núñez Centeno fixo afirmacións tan polémicas como que "os recortes non matan" ou que "a xente pensa que non se pode morrer". Declaracións que lamenta Quique Costas.

Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia. Quique Costas, primeiro pola esquerda
Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia. Quique Costas, primeiro pola esquerda | Fonte: BNG.

Que lle parecen as propostas da comparecente que avogou por retirar tratamentos a determinados pacientes?

Indo por partes... Nós defendemos o dereito dos pacientes a tratamentos cunha eficacia probada para curalos ou mellorar a súa calidade de vida. Ese é un principio fundamental. Que está ocorrendo? Que nesta comisión de investigación se tenta crear unha cortina de fume mesturando o caso da hepatite C con outros asuntos. Parece, segundos moitos especialistas, que hai algúns intentos por parte de laboratorios de vender medicamentos a prezos moi caros que non teñen unha eficacia probada na situación dos pacientes, o cal non quere dicir que haxa que facer o que di esta señora, que non imos gastar nun paciente un diñeiro por dous ou tres meses de boa de vida. No caso da hepatite C, o acceso aos fármacos que reclamábamos tiñan unha eficacia probada por enriba do 95%. O desta señora é un criterio economicista que nós rexeitamos de plano como pacientes.

"O que esta señora di é disparatado; o que propón é que os pacientes F0 e F1 non sexan tratados até que teñan fibrose"

Medir e distinguir vidas humanas polo custo económico que supoñe mantelas...

O que di esta señora non é aceptable, en termos de sensibilidade para cos pacientes. 

E contradí, por exemplo, o que defende a Alianza para la Eliminación de las Hepatitis Víricas en España, coordinada por Javier García-Samaniego –xefe de Hepatoloxía do Hospital Universitario La Paz (Madrid)–, que pide "estender os novos tratamentos basados en antivirais de acción directa aos pacientes F0-F1"...

Isto que di a comparecente chamada polo PP é extremadamente grave, porque vai contra toda evidencia e consenso científico. Contradí o que di o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C, elaborado polo Ministerio de Sanidade, e que inclúe o tratamento dos F0 e F1. Pero, ademais, contradí absolutamente todas as manifestacións das sociedades científicas, empezando pola Asociación Española para el Estudio del Hígado. O que propón esta muller é que os pacientes F0 e F1 non sexan tratados até que teñan fibrose. É coma se ti tes unha infección de urina e che din que non te van dar antibióticos até que teñas dano renal. Pois mire vostede, do que se trata é de evitar ese dano, non agardar a que apareza. Con esa restrición de tratamentos aos pacientes que están en fases iniciais da hepatite crónica, esta muller está en contradición coa estratexia contra as hepatites víricas aprobada pola Organización Mundial da Saúde, a cal contempla distintas metas de cara a 2030, e que subscribiu España. Entre esas metas estableceuse reducir a ocorrencia de casos de hepatite C no mundo un 90% e a mortalidade, un 60%. Polo tanto, o que esta señora di é disparatado, porque vai frontalmente en contra do que consensuou a comunidade científica.

Que lle pareceu a intervención do portavoz do PP na comisión de investigación, na que temou prestados os argumentos da comparecente para defender a súa xestión no caso dos mortos por hepatite c en Galicia que non tiveron acceso a tratamentos?

A comisión, tal e como está configurada agora, coa lista de comparecentes que deseñou en solitario o PP, non é unha comisión para investigar, senón para xustificar o que aconteceu e enmascaralo. A lista de comparecentes está aliñada con ese obxectivo. Eu estou seguindo as comparecencias e o que podo afirmar é que o único que se tenta é crear confusión e xustificar, mesturando cousas que non teñen que ver unhas con outras. E mesmo tivemos que escoitar como o señor deputado do PP Núñez Centeno chegou a afirmar que foran acosados, insinuando que a nosa asociación se dedica a acosar deputados do PP. En fin... É unha cerimonia moi de confusión; non se busca en absoluto coñecer a verdade. De todos os xeitos, nós estamos citados a comparecer nesa comisión e non temos máis alternativa que ir, é unha obrigación, e tentaremos explicar a nosa visión do asunto, a cal, desde logo, diverxe da que se pretende dar.

"Non se pode entender nin aceptar que se vete a comparecencia nesta comisión de quen era o máximo responsable da asistencia sanitaria en Galicia"

Está entón de acordo co boicot da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) a esta comisión, da que marcharon por vetar o PP a listaxe de comparecentes que propuña?       

A oposición toma as súas decisións e nós non somos quen para xulgalas nin cuestionalas. Pero si entendemos as explicacións que ofreceron para abandonar a comisión, xa que o PP impuxo a súa listaxe. E algunhas das comparecencias que vetou eran claves. No caso da hepatite C, non se pode entender nin aceptar que se vete a comparecencia de quen era o máximo responsable da asistencia sanitaria en Galicia naquel momento, Félix Rubial, independentemente da súa situación procesal, que non é a cuestión aquí; é dicir, non se trata de que vaia alí en calidade de investigado, para iso xa o citamos nun xulgado. Nós non pretendemos que compareza nesta comisión por estar imputado, senón porque era o responsable da asistencia sanitaria do Sergas. Igual que pensamos que é imprescindible que compareza a que era conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. E se non é así, pois non sabemos que se pretende investigar. Se non se pode interrogar as persoas que tiñan a responsabilidade da xestión do asunto, malamente podemos chegar a conclusión algunha. E sen embargo si se citou ao letrado que leva a causa xudicial destes dous investigados. E que vai dicir este señor? Que os seus defendidos fixérono mal e son culpables? Claro que non.

Voulle repetir tres frases do portavoz do PP na comisión para que exprese vostede o que lle suxiren. A primeira: "Os recortes non matan".

Eles din que os recortes non matan e a Audiencia Provincial da Coruña considera que cando menos seis persoas puideron morrer como consecuencia dunha política restritiva baseada en criterios económicos. Por iso a Audiencia lle emendou a plana ao xuíz instrutor e lle di que reabra a instrución por presunto homicidio imprudente en seis dos casos.

A segunda: "Pódese facer máis con menos".

Ben sei que dixo iso. E ademais utilizou capada unha frase do doutor Rafael Matesanz, quen foi director da Organización Nacional de Trasplantes. Matesanz dixo que se lograra facer máis con menos recursos por mor dos recortes, pero tensionando o sistema, polo que isto non era sostible. Iso é o que dixo Matesanz, pero o deputado do PP usou só a parte que lle interesaba do asunto. Faise máis con menos? Se facer máis é provocar máis sufrimento aos pacientes, si. É indubidable que cada vez temos que agardar máis por unha proba diagnóstica, ou que a atención primara está cada vez máis saturada porque non se cobren baixas ou vacacións... Terán que explicar no PP que entenden eles por facer máis.

"Aurelio Núñez Centeno e o PP descalifícanse eles sós coas súas palabras na comisión"

Terceira: "A xente pensa que non se pode morrer”.

En fin... Núñez Centeno e o PP descalifícanse eles sós con esas palabras. Claro que todos sabemos que algún día imos morrer, que hai enfermidades que aínda non se poden curar ou que o sistema non pode garantir que algúns pacientes non vaian morrer. Pero o que non pode acontecer é que morra un paciente porque non está suficientemente cuberto un PAC ou porque non recibiu un tratamento que o podía curar e que lle fora prescrito polo seu médico... Así é como a xente non debe morrer.

En que punto se atopa a causa xudicial aberta contra os altos cargos do Sergas no caso dos mortos por hepatite C?

Xa se practicaron todas as dilixencias probatorias que propuxeron tanto a Fiscalía como nós e a defensa que leva os servizos xurídicos da Xunta. E agora estamos á espera dun informe que ten que emitir o Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia). E supoñemos que a Fiscalía, coma nosotros, solicitará apertura de xuízo oral. Nós non temos afán de revancha nin pretendemos que se castigue a ninguén. O noso único obxectivo é que se saiba a realidade e que estas cousas non volvan suceder.

Son optimistas?

O que podemos dicir é que para nós está plenamente confirmado nesta fase de instrución a posible existencia de delitos. Así que si, somos optimistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

semella que o erro foi solicitar esta Comisión de Investigación cando o PP dispón de maioría absoluta no Parlamentiño do Hórreo! Haberá que "confiar na xustiza" e senon teremos que apelar á Xustiza Divina (coma Walter Benjamin en Port Bou https://elpais.com/diario/2005/09/2... ) Claro que postos a "sucidarnos" non sería mala cousa facelo no medio do baile !!!