Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2018 | Actualizada ás 20:00
Os críticos coa actual dirección de En Marea, agrupados ao redor da candidatura 'Entre Todas', urxen unha data para renovar as eleccións ao Consello das Mareas "canto antes" e así "evitar o desgaste público" da formación rupturista. E é que a actual coordinadora mantén o proceso suspendido desde este sábado tras detectar unha "intromisión" no censo.
A lista encabezada polo ex congresista David Bruzos lembra que no último plenario se aprobou "un calendario electoral", polo que esta paralización, ao seu modo de ver, "vulnera o dereito dos inscritos en En Marea a elixir os seus representantes nos prazos reglamentariamente establecidos".
"Non queremos pensar que estamos ante un procedemento para evitar que o dereito activo e pasivo ao sufraxio se poida exercer, xa que consideramos que as discrepancias políticas deben resolverse permitindo que as inscritas podamos votar", aseverou a candidatura dos críticos.
Pola súa banda, o portavoz de 'Entre Todas', David Bruzos, reitera a súa "desconformidade" coas decisións adoptadas pola coordinadora de En Marea: "Perdemos unha inmellorable oportunidade para que as bases do partido decidisen a súa dirección".
Ademais, os críticos, que ostentan a maioría do Comité Electoral do proceso, entenden que tanto este órgano como os que paralizaron as votacións —a Comisión de Garantías e a dirección, que, segundo lembran, está "en funcións"— son os que "deben pór en marcha todos os mecanismos que garantan o proceso electoral".
"Non se trata dun problema de diálogo entre candidaturas, senón dun problema de lexitimidade entre os organismos de En Marea, entre un Comité Electoral elixido o último plenario e dous organismos que hoxe están en funcións e que mediante a votación das persoas inscritas ían ser renovados", aseveran.
Por todo iso, a candidatura 'Entre Todas' traslada aos inscritos que, "a pesar deste momento tan difícil", o cambio de dirección "agora é máis necesario que nunca".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.