Por E.P. | VIGO | 03/12/2018 | Actualizada ás 16:49
A Sección Quinta da Audiencia Provincia de Pontevedra condenou a penas de entre catro meses e un ano de prisión a catro acusados aos que considera autores dos delitos de estafa continuada e estafa agravada, por aproveitarse da demencia senil dunha anciá viguesa para facerse co seu diñeiro e lograr mesmo que lles nomease herdeiros dos seus bens. Neste procedemento estaban procesados cinco acusados pero un deles, quen fose responsable da residencia dos Irmáns Misioneiros de Teis, o 'irmán' José Antonio Donaire, non se sentou no banco este luns polos seus problemas de saúde. Os que si asistiron á vista, que acabou nunha sentenza por conformidade, foron os outros catro acusados: Ángel M.S., a súa irmá Nelsa I.M., Adonis Moisés B.B., e José Miguel A.B..
Todo eles recoñeceron os feitos, que se remontan a 2007, cando Ángel coñeceu á prexudicada, unha anciá con elevado status económico (tiña uns 400.000 euros en varias contas bancarias e unha vivenda na rúa Rogelio Abalde de Vigo) e que padecía unha demencia que a facía incapaz de gobernar os seus bens e os seus actos.
O acusado convenceuna para que lle dese diversas cantidades de diñeiro, e mesmo a acompañaba ás entidades bancarias para asegurarse de que retiraba os fondos. En 2009, a irmá de Ángel, Nelsa, foi vivir coa muller, coa escusa de coidar dela, e tamén a manipulou para que lle transferise diñeiro (uns 20.000 euros) e mesmo para que outorgase testamento ao seu favor e a nomeara herdeira universal.
O terceiro acusado, Adonis Moisés, fixo o mesmo en 2011, estafándolle máis de 23.000 euros e convencéndoa, así mesmo, para que o nomease herdeiro. Un día despois de cambiar o testamento, o cuarto acusado, José Miguel A.B., que traballaba como axudante do 'irmán' Donaire na residencia dos Irmáns Misioneiros, instouna a cambiar de novo o testamento e a nomear herdeira universal a esta institución. En 2011, a prexudicada (que actualmente ten 98 anos de idade) ingresou na residencia de Teis, e Donaire e o seu axudante abusaron tamén da súa incapacidade para que os nomease cotitulares das súas contas, aínda que nese momento a muller non dispuña máis que de 3.000 euros.
PENAS
Por estes feitos, a Audiencia condenou a Ángel M.S. a 4 meses de prisión por un delito de estafa continuada, e acepta a suspensión da execución da pena por dous anos, sempre que o acusado non delinca nese período e devolva 1.000 euros nun só pago e como moi tarde o 15 de decembro. A Nelsa I.M. a condena a un ano de prisión por un delito de estafa agravada continuada, ao pago dunha multa de 360 euros, e a devolver 20.000 euros; a Adonis Moisés B.B. condénao á mesma pena polo mesmo delito e a devolver 23.000 euros en concepto de responsabilidade civil; mentres que a José Miguel A.B. condénao a catro meses de prisión como cómplice dun delito de estafa agravada e ao pago dunha multa de 180 euros.
A todos os procesados o tribunal aplicoulles as circunstancias atenuantes de reparación do dano e dilacións indebidas. A sentenza, que se leu xa na sala, foi declarada firme. No caso do quinto procesado, o 'irmán' Donaire, o tribunal acordou a apertura dunha peza separada, á espera de novos informes médicos forenses, xa que a súa situación de saúde en complicada e atópase hospitalizado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.