Por Galicia Confidencial | Miami | 04/12/2018 | Actualizada ás 13:38
Abanca comezou a operar este luns no mercado bancario de Estados Unidos coa apertura da súa nova oficina na cidade de Miami (Florida). Ademais de en España, Abanca está presente xa noutros 10 países de Europa e América a través dunha rede internacional de 14 centros, seis deles con ficha bancaria propia (en Estados, Portugal -4- e Suíza) e oito na modalidade de oficina de representación (en Brasil, México, Panamá, Venezuela, Francia, Alemaña, Suíza e Reino Unido).
A elección de Miami como centro de operacións de Abanca en Estados Unidos débese ao papel da cidade como porta de entrada para numerosas empresas españolas ao mercado americano e como lugar de residencia dunha ampla comunidade de persoas de orixe española, portuguesa e latinoamericana. Non obstante, desde esta oficina, cuxa apertura foi autorizada pola Reserva Federal de Estados Unidos en outubro, Abanca poderá prestar servizos financeiros en todo o territorio estadounidense.
Coa súa entrada en Estados Unidos o obxectivo de Abanca é “seguir crecendo en mercados de alto potencial, e especialmente no segmento de empresas e clientes particulares de rendas medias e altas”, apunta a entidade. “Entre os principais propósitos do novo proxecto de ABANCA en Estados Unidos está acompañar ás empresas nos seus proxectos locais e internacionais, así como proporcionar un servizo altamente personalizado aos particulares”, engade.
A nova oficina está situada na zona de Brickell, o distrito financeiro da cidade. O equipo ao cargo do seu funcionamento está formado por 12 persoas, catro de nacionalidade española e oito estadounidenses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.