Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Silvia López | Santiago de Compostela | 07/12/2018 | Actualizada ás 14:19
"Se lle preguntas a alguén de aquí de onde é, vai dicir que é de Conxo, non de Santiago". O sentimento de pertenza a un barrio é algo que Xabier Sánchez Santos, presidente da Asociación Veciñal Conxo Aberto, ve claro no caso de Conxo . Quizais sexa produto dunha situación común a moitos outros barrios do país, "aqueles máis rurais que se vexan case fagocitados polo núcleo urbano". Sánchez coida que os intentos por abrirse cara a cidade non teñen moito éxito, tanto por esa identidade arraigada como pola falta de atención especializada por parte das institucións.
Ese sentido de comunidade propia do que falaba Xabier materialízase no tecido sociocultural tan "vivo" que existe na área. O Centro Sociocultural Aurelio Aguirre "é o pegamento que une a todo o barrio" a falta dun comercio local potente que permita facer a compra integramente alí. "A día de hoxe, o CSC é o que temos. Non queremos que nolo estraguen, queremos defendelo", reivindica o presidente da asociación veciñal en referencia a un asunto que motivou a mobilizacións dos cidadáns hai unhas semanas.
Con todo, nalgunhas ocasións esa mentalidade provoca que Conxo funcione como unha "comunidade pechada". "Santiago é percibido como algo alleo", feito ao que tamén contribúe a "falta de apoio explícito" para promover a zona como unha parte relevante da cidade, tanto dende un punto de vista económico como dende a perspectiva dos eventos socioculturais.
O resultado é un "illamento" en todos os ámbitos. A nivel infraestrutural, a separación é evidente. "Primeiro estaba a avenida Romero Donallo, pero agora xa hai novas urbanizacións" que rematan por situar o barrio máis na periferia. O importante compoñente rural desta zona convive cun plan de ordenación urbanístico co que non casa de todo ben, segundo explica Xabier.
REIVINDICACIÓNS
No canto diso, el aposta por plans de desenvolvemento específicos que atendan ás particularidades da contorna. Iso axudaría a dinamizar o comercio e avivaría as rúas. "A xente do resto da cidade que se quere achegar a Conxo ten que vir en coche, pero aquí apenas hai sitio para aparcar", exemplifica, "fan falla infraestruturas que actúen commo tracción". Nese sentido, alude á necesidade de crear un centro de saúde na zona sur de Santiago, que atenda "non só a Conxo, senón tamén a Santa Marta, á Choupana...". Iso levaría consigo, di, que a cidadanía se achegase á zona e que se fixasen máis tendas.
"Por un lado, encontrámonos xa integrados na cidade", ata o punto que mesmo considera que a situación roza a invasión do urbanismo no rural. Mais, pola outra banda, considera que esa incorporación non se fai patente nas políticas desenvolvidas. Pon de exemplo a problemática xerada arredor das obras da rotonda de Conxo. "A prioridade sempre foi facilitar o tránsito da xente de fóra, en vez de facilitarlles a vida aos veciños", quéixase.
É un círculo vicioso. "Dáse unha falta de atención que xera illamento, e ese illamento vai xerando un sentimento de comunidade moi grande que, a medida que se vai desenvolvendo, é máis difícil romper". Cómpre "pensar como queremos que sexa o Conxo de aquí a uns anos como elemento do núcleo urbano e como parroquia do rural"; situar no centro, por unha vez, á periferia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.