Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/12/2018 | Actualizada ás 12:50
A CIG-Ensino reafirmouse como a organización con máis apoio nas eleccións sindicais do ensino non universitario galego. Fíxoo cun resultado de 60 delegados e delegadas repartidos por todo o país, o duplo ca no caso de Comisións Obreiras (28), o segundo sindicato con máis votos. ANPE, con 18; UXT, con 14; STEG, con 12; e CSIF, con 10, foron as outras centrais que obtiveron representación nestas eleccións.
O apoio conseguido tradúcese na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con oito representantes fronte aos sete que sumarían CC.OO e ANPE. UXT, pola súa parte, xa quedaría fóra deste órgano. Para a CIG, "estes resultados afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático, participativo e próximo ao profesorado" que din representar eles. Supón, ademais, "un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos" e entenden que parte dese apoio se debeu á súa oposición "ás afrontas e abusos da Consellaría", ao seu "combate" contra a LOMCE e á "loita contra os recortes" e os "ataques ao noso idioma".
O sindicato asegura que seguirá apostando pola mobilización e a negociación para a consecución de melloras laborais para o colectivo docente. Prometen non dobregarse ante as imposicións da Xunta e denunciar os "acordos fraudulentos" aos que chega a administración con outras organizacións. "O noso modelo combativo é o único que lle fai fronte ás políticas restritivas do goberno Feijóo", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.