Por Xurxo Salgado | A Coruña | 10/12/2018 | Actualizada ás 14:00
“Era o xefe da casa e do núcleo da casa”. Así define a Real Academia Galega (RAG) a figura do “petrucio”. Unha figura que segue viva no rural galego, aínda que, cada vez, vai perdendo forza. Perde forza no rural e tamén nos partidos políticos. As vellas figuras, “os petrucios políticos” xa non son o que eran.
Unha doenza que afecta, principalmente, aos partidos de esquerda e, nos últimos días, ao PSdeG. Petrucios como Francisco Vázquez ou Pachi Vázquez, grandes dirixentes e figuras principais do PSdeG en distintas épocas, están, agora, nas antípodas do que foi o seu partido, e non dubidan en renegar del.
Que pasa no PSdeG para que dúas das súas figuras históricas rachen co partido e mesmo coqueteen con outras formacións?. Pachi Vázquez foi contudente para explicar as razóns. Marcha por sentirse “vetado” e “traizoado” dentro do seu propio partido. Francisco Vázquez utilizou argumentos máis filosóficos; “o PSOE xa non é o que era, nin defende o que defendía”.
Haxa traición, ou deriva ideolóxica, o certo é que estas figuras históricas do socialismo levan tempo incómodos no partido que un día lideraron e non son os únicos. Mesmo se deixan querer por outras formacións coma Ciudadanos que non dubida en pescar en río revolto.
A “TÁCTICA” DE ALBERT RIVERA
Fai unhas semanas Albert Rivera a Paco Vázquez como alguén próximo, co que, dixo “manteño relación persoal e co que falei en varias ocasións sobre estes temas e cónstame que é constitucionalista e ségueo sendo a pesar do sanchismo”.“Para alguén coma min e para moitos constitucionalistas, é un luxo poder escoitar as reflexións dun socialista de pro, tantos anos alcalde e constitucionalista, como é Paco Vázquez”, insistía antes de compartir un acto con el, o segundo que realizan.
Non é a primeira vez que Rivera tantea a ex dirixentes socialistas. Teno feito xa con Nicolás Redondo, ex secretario xeral da UGT ou celestino Corbacho, ex ministro de Zapatero cun argumento que pretende atraer a socialistas da vella escola; a “indisolubre unidade da nación española”.
Por iso, non dubida en axitar a pantasma catalana para cazar votos no tradicional caladoiro socialista tentando enfrontar a esa “vella garda” coa actual dirección socialista. E, para iso, non ten inconveniente en disparar directamente contra Sánchez e comparalo con eses outros “socialistas de pro”.
“Hai socialistas que si son constitucionalistas a diferenza do señor Sanchez que non o é", dicía suliñando que xa hai tempo apoiaron a plataforma de España Cidadana, a nova plataforma impulsada por esta formación en Cataluña e que lidera o ex primer ministro francés Manuel Valls. “Cónstame que hai outros socialistas como Corbacho que xa nos apoiou na plataforma, e outros socialistas que tamén son constitucionalistas como é o caso de Nicolás Redondo ou outros moitos líderes socialistas cos que eu me sinto partícipe dun proxecto constitucional”, suliñaba hai unhas semanas.
Un argumento que utiliza o partido de Rivera para captar aos “descontentos” socialistas. De feito, no PSOE consideran que C’S utiliza a Francisco Vázquez para atraer ao votante socialista incómodo co que pasa en Cataluña. Por iso, o delegado do Goberno central en Galicia era contundente na súa resposta a Ciudadanos. “Nestes días que algúns parecen repartir carnés constitucionalistas ... a este Goberno de España e ao partido que o sustenta ninguén lle dá leccións de España e ninguén lle dá leccións de Constitución”, sinalaba.
A pesar de que C’S negue estar tentando a dirixentes doutros partidos, nomeadamente socialistas, o certo é que non son poucos os políticos deste partido que teñen confirmado a existencia destes “tanteos” por parte de Ciudadanos. Uns tanteos que foron directos entre Rivera e Francisco Vázquez na Coruña.
CONTACTOS EN LUGO E OURENSE
Pero o partido de Albert Rivera tamén quere crear músculo institucional e político nas provincias de Lugo e Ourense. En Lugo xa son vellos os contactos feitos con afíns ao ex vicepresidente socialista da Deputación e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, así como con integrantes da lista de Inta, algúns xa ex socialistas, para ir nunha única candidatura, aínda que eses contactos non prosperaron polo momento.
En Ourense, os contactos son con afíns a Pachi Vázquez e mesmo co propio Pachi Vázquez, aínda que tanto el com non os tomen "por idiotas"o C’s negan esta posibilidade. Alcaldes e militantes próximos ao ex candidato socialista á Xunta aseguraron xa que “irán con Pachi vaia a onde vaia”. Este movemento afectaría a concellos da comarca do Carballiño e de Valdeorras, onde os “pachistas” están fortes e mesmo poderían afectar á propia Deputación provincial, onde o voceiro do PSdeG, Francisco Fraga, é afín a el.
Con todo, Pachi Vázquez volvía a advertir este luns que marcha porque o "odio interno" está consimindo ao seu xa ex partido, e facía un chamamento aos seus afíns para que non os tomen "por idiotas".
Como acontece na Coruña, o sector “oficial” do PSdeG tamén mandou recados contundentes. José Ángel Vázquez Barquero, que xa venceu a Pachi Vázquez nas primarias de Ourense, avisa: “Somos unha forza consolidada para que os nosos resultados dependan dunha persoa. O que suceda non mes de maio virá pola nosa capacidade para mobilizar e ilusionar para un cambio responsable moi necesario. Todos sabemos quen é Pachi Vázquez, non o quero minusvalorar, pero non vexo un efecto directo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.