O sector crítico ameaza coa ruptura de En Marea se non hai primarias

David Bruzos acusa a dirección de buscar "que non se vote" e esixe a Villares e a coordinadora que asuman "responsabilidades". Ferreiro e Noriega coinciden na necesidade de celebrar canto antes as votacións logo dos resultados da auditoría.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2018 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O sector crítico de En Marea ameaza agora coa ruptura, logo de negar que isto poidese acontecer nalgún momento. David Bruzos, cabeza de lista de 'Entre Todas' —candidatura do sector crítico ao Consello das Mareas—, cargou contra Luís Villares e a coordinadora do partido instrumental, aos que acusa de adoptar "decisións", como a paralización das primarias, a modo de "cortina de fume" para "impedir" que se celebren as primarias.

David Bruzos, candidato ao  Consello das Mareas
David Bruzos, candidato ao Consello das Mareas | Fonte: Europa Press

Logo de mostrarse cauto o pasado luns nunha entrevista na TVG sobre o risco de escisión no seo de En Marea, un día máis tarde e logo de coñecerse o resultado das auditorías encargadas pola dirección, David Bruzos recoñeceu que "na medida en que non se vote, parece evidente que vai haber unha ruptura".

"Tememos que o que está a facer a actual coordinadora sexa demorar os tempos e demorar cada vez máis esas votacións para que finalmente non se cheguen a producir", aseverou, após acusar a cúpula do partido instrumental de xerar unha "estratexia de confusión" que, segundo Bruzos, ten como fin último "quitar aos inscritos o dereito a escoller a dirección; e iso non se pode consentir".

Neste sentido, o ex-deputado no Congreso reclamou á coordinadora (equivalente a unha executiva nun partido clásico) e a Luís Villares que asuman "responsabilidades políticas" por paralizar o proceso de primarias, que aínda están no aire polas desavinzas internas entre a dirección (controlada por Villares e os seus afíns) e o Comité Electoral (con maioría do sector crítico).

"Pensamos que é moi evidente que hai que pedir responsabilidades políticas a Luís (Villares) como máximo responsable da coordinadora pola paralización deste proceso, porque é evidente que se fixo unha paralización sementando dúbidas sobre un proceso que agora se demostra que non ocorreu", apuntou.

O representante legal de En Marea ante a Axencia Española de Protección de Datos e portavoz da coordinadora, Gonzalo Rodríguez, trasladou o pasado luns que os informes encargados após a suspensión das primarias do partido rupturista certifican que houbo "entradas de persoas non autorizadas" ao censo, dous delas pertencentes ao Comité Electoral e que poderían ser sancionadas. En todo caso, Rodríguez aclarou que "non se pode probar que houbese algunha modificación" do censo.

Bruzos pon o foco nisto último e lamenta que a dirección de Luís Villares empregase esa acusación "como xustificación para paralizar o proceso electoral".

Por todo iso, a candidatura 'Entre Todas' considera que a coordinadora do partido instrumental "actúa como denunciante, testemuña, fiscal e xuíz" no conflito, en referencia á petición de revogación do tres persoas do Comité Electoral relacionadas co acceso "non autorizado" ao censo, segundo apuntan as auditorías encargadas pola dirección.

"A posición de Luís Villares está gravemente comprometida como portavoz en termos de imparcialidade e de neutralidade. Non se pode separar a intervención de Gonzalo Rodríguez de Luís Villares: de feito, Luís Villares é o portavoz da coordinadora en funcións e cabeza electoral dunha das candidaturas", di.

FERREIRO E NORIEGA

Tanto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, como o de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, concordan na importancia de solucionar a situación de En Marea relativa á suspensión das primarias para poder votar "canto antes". Ferreiro apela a "reconducir" o conflito e recoñeceu que o contexto do partido lle provoca "desazón", logo de confirmarse que houbo "entradas de persoas non autorizadas" ao censo". Pola súa banda, Noriega considera que "quedou demostrado" que non houbo "manipulacións" e confía en que se dan as garantías precisas para retomar as primarias.

"O horizonte de votación ten que suceder canto antes para sacar deste impás a esta organización", apuntou o líder de Compostela Aberta. Para Ferreiro, esta situación non fai máis ca dara unha "imaxe que non é a correcta" respecto de En Marea.

"Todas as persoas que no seu momento apostaron ou queren seguir apostando por En Marea necesitan un espazo político claro", dixo Ferreiro reivindicando uns principios que respondan o "espírito fundacional" do partido instrumental para ser "unha ferramenta para o cambio en Galicia".  Por iso, recoñeceu que "todas as noticias de loitas e problemas internos non son positivas". "Non interesan á xente", insistiu lembrando que non é "para o que a xente se achegou a En Marea".

Pola súa parte, Martiño Noriega incidiu en que "non beneficia a ninguén" que se estenda o proceso no tempo, ante a posibilidade de que as primarias continúen suspendidas ás portas do inicio do nadal e de que este factor puidese derivar no seu retraso ata o mes de xaneiro. "Non ten ningunha xustificación que as votacións sexan para o próximo ano. Non debe haber ningún interese para dilatar un proceso que deteriora a credibilidade do espazo, salvo que non se entenda que o espazo é fundamental para a construción do país", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

4 Inscrita

Pero se está demostrado que se violou a seguridade do censo (e mesmo por 2 persoas alleas a En Marea) ata o mais cego ve que estaba xustificada a suspension das eleccións mentres non se soubese o que fixeron esas persoas. Querer votar nesas condicións pareceme demencial e inxustificable.

1 artabrosur

Concordo plenamente...non hai mais leria...é significativo e fala mal da concepción democrática dos que admiten, que houbo acceso "non autorizado" ao censo, segundo apuntan as auditorías encargadas pola dirección" e que "non se pode probar que houbese algunha modificación" do censo. A pesar diso: Bruzos pon o foco nisto último e lamenta que a dirección de Luís Villares empregase esa acusación "como xustificación para paralizar o proceso electoral". Xa poden pechar enmarea...

3 MLR

Luís Villares ou como dilapidar todo o teu capital político en tempo record

2 Tic Tac

Podemos manda e coloca a Bruzos de títere delegado. Martiño e Ferreiro obedecen e sacrifican @s galeg@s. Acabar con En Marea non vai saír de balde para os baróns das alcaldías autodenominadas rebeldes. O postureo rematou.

1 twuj

Acabar con En Marea non vai saír de balde para Villares e os villaristas. Teñen medo das inscritas? Máis han ter.

2 lóstrego

Qué noxo me dan as siglas, qué noxo me dan os baróns. Probe de nós, outra vez orfos de ilusión. A abstención nas municipais vai ser de escándalo. Camiño de rosas para a dereita. Hai marea, hai... Pero de merda!

1 Ferriño

Martiño, Ferreiro... non a fagas non a temas