Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2019 | Actualizada ás 22:00
-Conta como fuches enxergando as pezas e ideas para facer un programa como “Grandes Voces do Noso Mundo”.
Todo isto comeza a finais de 2015. Eu xa tiña feito programas de radio pero sen relación coa temática da música, que é a que levo agora mesmo. Falei cun profesor amigo meu, Bernardo Penabade, a quen lle expliquei que eu fixera un programa de radio e tiña gañas de seguir. Falando entre os dous el propuxo levar adiante un programa musical. A idea pareceume interesantísima porque trataría da música dentro da nosa cultura e traer tamén a música e cultura lusófonas. Agora estamos con ese programa que recolle as grandes voces da nosa música.
-Tivestes interpretacións desas voces en directo dentro do voso programa?
Houbo unha vez que tivemos a Antonina Semedo, un referente da nosa comarca. Formou parte de Batuko Tabanka que nos cantou en directo. Ese momento foi moi especial para o programa. Pódese escoitar en www.grandesvozes.com.
-Ti agora mesmo estás estudando na USC pero o programa segue a emitirse desde Burela. Como era a produción e como é agora.
Temos unha equipa onde eu son quen redacta o guión para o programa e despois, é certo que para buscar entrevistados, contactei con eles e tamén tiven a axuda do profesor Gabriel André que agora está en Portugal ademais de Bernardo. Para a transcrición en Braille foi a miña profesora de apoio, que tamén formou parte desa equipa, Cristina Ramudo. Durante dous anos ela formou parte do programa por axudar mesmo a imprimir os guións, porque eu non podía saír das aulas.
-E na actualidade?
Sigo facendo o guión e cando estou fóra de Burela, quen locuta é Edilson Sanches, o meu compañeiro na radio. É certo que en Nadal estamos os dous, mais na miña ausencia locutan Edilson e Matías Nicieza. Os guións envíoos por correo, son supervisados e imprimidos.
-Todo ese traballo para o programa, que aportou para a túa formación?
Sobre todo a música, pois é algo que me gusta desde neno. Antes de iniciarme nesta andaina, descoñecía a música feita nos países afrolusófonos, mais Portugal si que o controlaba porque son fillo de pais portugueses. Non obstante, fóra de aí non coñecía moito e por iso, con este programa, se cadra é certo que aprendín moito.
-Que papel xogarían para ti iniciativas como o teu programa dentro do ensino?
Sería moi favorable pois ensinaría aos nenos que a música feita en Galicia como na diáspora, non é só a tradicional senón de todo tipo. Tamén para poder aprenderlles e que saiban que a música é algo bonito. Para o currículo académico, todo o que sexa cultura e aprender é bo. Estas iniciativas son importantes para o ensino, desde o meu punto de vista ademais de axudar na formación dos nenos.
-O programa ten seguidores en moitas partes grazas ás redes, como é a interacción entre esas persoas e públicos?
Nese sentido, a experiencia é moi positiva e quen nos segue ten moito interese en coñecer a nosa música é como de calquera deses países que falan o noso idioma. Para min foi todo moi positivo. Un dos oíntes é brasileiro, sempre está promovendo o programa mediante todas as redes sociais.
-Recibistes un premio recentemente.
Si, o Premio ao Estudante Galeguista, da Asamblea Nacional Galega, un organismo independente. A entrega foi na Facultade de Xornalismo. O que se pretende é a difusión da cultura galega por parte da ANG.
-Que aporte lle estaría dando a Burela, a vila desde onde emitides, o voso programa?
Dentro de Burela hai xente que non lle dá importancia a estas cousas e outras persoas que si. Logo, como dentro hai unha comunidade internacional ampla, sobre todo de Cabo Verde, aí se cadra, é onde máis chegamos a tocar.
-Fóra do que é o ámbito burelés, que recepcións sentiches?
Polo de agora todo positivo. Nunca tiven críticas por como se facía o programa nin polos contidos.
-Supoño que emitides todo tipo de estilos musicais, se vai xente que fai música tradicional pero de súpeto pos un grupo de rock, por exemplo, hai choque xeracional e cultural na selección que facedes?
Intentamos poñer a maior variedade posible, pois penso que é algo importante, tanto manexamos música tradicional galega, portuguesa e dos países africanos, ademais de rock, pop e outros estilos que non queremos deixar de lado.
-Cal foi a sorpresa máis grande que levaches dentro da música lusófona?
Cada programa ten unha entrevista a un grupo, solista ou autores e cada quen ten a súa historia. O certo é que estraño atopar grupos de rock en Cabo Verde, Angola a Guiné, pero onde máis vemos é no Brasil. Tamén nos envían recomendacións polas redes sociais, iso achéganos grupos que non coñecemos.
-Se alguén quere facer algo como o teu programa, cal é o teu consello?
Ter paciencia, porque estas cousas non son doadas. Sobre todo, ten que gustarlle a quen o faga. Ten que gustarlle o tema que tratará e o estilo do programa. É un proxecto arriscado pois o que escoita a maioría son radiofórmulas e emisoras xeneralistas. Se puidera levar este programa a unha emisora máis grande, faríao para romper estereotipos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.