Manuel Vilas e a dama dos pés fríos

A novela de Manuel Vilas chamada “Ordesa” é o libro do ano 2018 para min. Xa recibiu numerosas e moi apaixonadas gabanzas por parte da crítica e de colegas escritores. O autor aragonés estivo en Compostela para presentar esta crónica da súa vida.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 12/01/2019

Comparte esta noticia
Foi un acto celebrado na librería Cronopios. Como adoita suceder, éramos poucos nese reducido espazo. As profundas emocións que esperta Ordesa farían pensar que media cidade estaría alí, como pasou coas colas para ver á cantante Rosalía, pero así é o humilde mundo literario, mesmo para os escritores de máis éxito.
 
Un autor e xornalista ourensán de Vilardevós, Juan Tallón, era o encargado de presentar a Manuel Vilas e de coordinar o acto, que foi levado a modo de entrevista. Prolongando a natureza íntima da crónica que fixo dos anos 70 e 80 centrada na relación cos seus pais, o home-neno contestou con contida prudencia ás preguntas do presentador e dos asistentes.
 
Falando de intimidade, eu fixárame na beleza e na elegancia dunha muller sentada diante de forma que non lle vía a cara; unha butaca soamente deixaba á vista un pantalón e un zapato. 
 
Manuel Vilas non parecía estar totalmente cómodo, pero resolvía con serenidade os escollos que se presentaban. Dixo cousas importantes que por desgraza non consigo lembrar. Excepto unha: contou que escribira moito máis, pero que os editores e el non querían facer un libro demasiado extenso, e optou por deixar fóra bastantes capítulos.
 
Despois de ler un libriño titulado “Hostal Don Juan” que uns grandes almacéns regalaban como complemento de “Ordesa”, pódese confirmar que é unha parte interesante e emotiva que ben puido estar incluída no libro. Hai que rogar, pois, que chegue a publicarse o contido  inédito do manuscrito orixinal.
 
Cando rematou a presentación, moitos dos presentes achegámonos ó autor. Eu, como é lamentablemente frecuente en min, metín a pata. O meu exemplar quedoume na casa, e o libro que merquei foi para regalarllo a un amigo. Pedinlle, pois, a Vilas unha dedicatoria para ese amigo, chamado tamén Manuel. O famoso escritor levantou unha cella como faría o detective Colombo e preguntoume “e iso?”. Expliqueillo, e el debeu pensar mal de min, que non collín outro exemplar para recibir eu mesmo unha dedicatoria por non ter diñeiro dispoñible. En suma, penso que non lle caín ben a este ídolo meu.
 
Pero pasou algo máis. Vin con sorpresa que a dona - algo maior ca min - de aquel corpo tan elegantemente vestido tiña un rostro extraordinariamente fermoso. Ela coido que notou o meu rubor e regaloume un marabilloso sorriso e xa quedei namorado, sabendo que o máis probable é que non a vexa nunca máis. Mentres ela compraba un libro do presentador e esperaba para falar con Vilas, escoitei que lle comentaba a unha amiga: “llevo todo el día con los pies fríos”.
 
A non ser que se trate dun autoengano colectivo, a novela “Ordesa” de Manuel Vilas fai que unhas vidas normais sobrevoen os seus límites para entrar no campo do sublime. O voo do romanticismo e a posible idealización que fai o autor da súa nai e moi especialmente do seu pai quedaron nesta ocasión baixados suavemente aos pés da realidade polo case íntimo comentario da belida dama en Compostela.
 

O escritor Manuel Vilas
O escritor Manuel Vilas | Fonte: zenda.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.