Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 11:59
A asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber remitiron un escrito con carácter "urxente" ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, no que lle pediron "un dispositivo de protección para os xornalistas e persoas que participen en potenciais protestas contra os campionatos de caza de raposos".
Ambas denunciaron que "nos últimos anos as agresións e ameazas foron constantes", e puxeron como exemplo as que en 2011 sufriron dous cámaras de TVE e Antena 3. Do mesmo xeito, recordaron que, o pasado ano, no núcleo de Dozón (Pontevedra), "cortáronse varias rúas para uso exclusivo dos cazadores", o que consideran "unha clara apropiación do dominio público".
Libera e a fundación dirixíronse a Losada "para que ordene aos axentes da Garda Civil mesura e contención da agresión verbais e ameazas dos participantes", e esperan que teña "máis sensibilidade que a Xunta", á que acusan de ser "auspiciadora" de "decenas de campionatos de 2011" que provocaron "a morte de centos de raposos sen ningún tipo de aval científico nin social".
As asociacións lembraron que trasladaron "diferentes iniciativas dirixidas á Comisión Europea e tamén ao Goberno central para que tome cartas no asunto". Tamén reiteraron que os "pseudocampionatos non están avalados por informes técnicos e rigorosos" e que provocan "a contaminación por plumbismo", consecuencia dos perdigóns, que afectan "a animais silvestres, a gando e recursos hídricos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.