Democracia? Só 3 de 100 iniciativas lexislativas populares foron aprobadas en España desde 1978

O investigador galego Orestes J. Suárez Antón pide outra regulación para que as ILP poidan funcionar como instrumento que "revalorice" os mecanismos democráticos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2019 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O investigador galego Orestes J. Suárez Antón advertiu das "dificultades" que a lexislación española e tamén a europea pon ás iniciativas lexislativas populares e ve necesaria outra regulación para que poidan funcionar como instrumento que "revalorice" os mecanismos democráticos e acheguen a representación política á cidadanía.

O investigador galego Orestes Suárez Antón coa publiación do seu estudo. REMITIDA AUTOR
O investigador galego Orestes Suárez Antón coa publiación do seu estudo. REMITIDA AUTOR | Fonte: Europa Press

Este doutor europeo en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense e licenciado en Dereito con especialidade no da Unión Europea (UE), é autor dunha tese cuxa publicación, que conta co prólogo do ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, será presentada o próximo día 15 de xaneiro na Universidade de A Coruña (UDC).

Suárez Antón, que actualmente traballa como asesor parlamentario na Cámara europea, explica que, para a elaboración da súa investigación, analizou 25 casos de funcionamento da iniciativa lexislativa popular ou iniciativa de axenda: o sistema da Unión Europea, o de 12 estados membros, así como o doutros 12 países de América Latina.

"O estudo nace nun contexto de distanciamento entre a cidadanía e a representación política... O que pretendo é a procura de instrumentos alternativos que revaloricen o mecanismo democrático e acheguen a representación á cidadanía e salven ese distanciamento progresivo que se mostra a nivel local", indicou.

Respecto diso, destacou que en diversos sistemas existe a iniciativa lexislativa popular que, "regulada de forma adecuada" e "dándolle a importancia que merece", permitiría "salvagardar algúns dos problemas que se observan na política actual".

CASOS DE EUROPA E ESPAÑA

Con todo, segundo indicou, en España e Europa estas propostas da cidadanía "non sempre son escoitadas e valoradas de forma adecuada". En concreto, no caso español, explica que, a pesar de que está recollida na Constitución, a lexislación derivada da Carta Magna pon "unha serie de dificultades" que motivan que non se lle dea a mesma consideración que cando é unha iniciativa lexislativa que sae do Goberno.

Como exemplo diso sinala que no Congreso hai un voto previo para a toma en consideración das ILP que fai que "sexan rexeitadas a maior parte das propostas". "Só tres de 100 foron aceptadas en toda a democracia", advertiu Orestes Suárez, que asegura que "a nivel europeo ocorre un pouco o mesmo". "Desde 2012 aceptáronse unhas 70 e a penas catro tiveron algún tipo de resultado", apuntou.

"O problema principal está no tratamento parlamentario que reciben as propostas, naqueles sistemas no que o tratamento é o adecuado hai unha maior participación dos propoñentes a nivel parlamentario", detalla o investigador, que aclara que non se trata de que se aprobe o que pidan" senón de que se lle dea o tratamento que mecen estes actores". "Trátase de que o procedemento sexa máis áxil e con participación dos relatores", indicou.

PROPOSTAS PARA UN MELLOR FUNCIONAMENTO

As medidas que este investigador propón para que este mecanismo "poida funcionar de forma adecuada" pasan por un mellor tratamento, unha maior inclusividade dos suxeitos e materias, así como máis accesibilidade en forma e firmas.

Deste xeito, Orestes Suárez considera que os mozos maiores de 16 anos deben poder participar nas iniciativas lexislativas populares e que tamén debería haber unha "maior inclusividade" nos temas a tratar. E é que, conforme sinalou, en España están excluídas deste tipo de iniciativas todas as materias que son obxecto de lei orgánica.

Así mesmo, o estudo sinala que naqueles lugares nos que hai unha maior accesibilidade a esta ferramenta, como naqueles sistemas nos que a ILP está dixitalizada e se pode asinar 'online', hai "máis propostas" e "o mecanismo funciona mellor". Este é o caso, por exemplo, de países como Costa Rica, Letonia ou Finlandia.

Ademais, o autor tamén pon o foco no feito de que en sistemas como o español este tipo de iniciativas teña que ser presentado "con forma de lei" cuestión que, segundo as súas conclusións, "dá lugar a que se rexeiten por defectos de forma". "En Austria os propulsores poden propor simplemente ideas que despois son configuradas a modo de lei no propio parlamento", sinala o autor, que tamén ve necesario un "apoio económico e técnico" a estas ferramentas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En Galicia todos aceptaron a ILP sobre Pobreza Enerxética e logo de 31 meses os únicos que seguían quentiños foron os parlamentarios... https://i.gal/gamela09 Á cidadanía que siga pagando ou papando frío !!!