Podemos pide a dimisión de Villares como portavoz de En Marea no Parlamento

O secretario xeral Antón Gómez-Reino furga na profunda ferida aberta no partido instrumental, aínda que agora rexeita dar por feita a ruptura de En Marea. O alcalde de Ferrol sae en defensa de Villares, malia as discrepancias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2019 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, asegurou que se el estivese no lugar de Luís Villares, o portavoz de En Marea, "dimitiría" como portavoz parlamentario, aínda que puntualizou que a decisión dunha posible substitución "depende dos deputados".

Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino

Gómez-Reino recordou nunha entrevista para a Cadena Ser que varios integrantes do grupo parlamentario "están a pór enriba da mesa que Villares non fala pola maioría" e sostén que "un dirixente ten que falar por todos, ten que representar a todo o mundo e ten que saber chegar a acordos".

O responsable de Podemos Galicia admite que a crise interna escureceu o traballo institucional de En Marea, nunha situación que considera "absolutamente irresponsable" ante a que el mesmo, dixo, tamén "dimitiría inmediatamente", por ter cometido presuntas "irregularidades para manter o control político dun espazo".

Gómez-Reino ataca así ao grupo de Luís Villares ao que culpa de intentar "alterar" o resultado do plenario de En Marea, no que "a coordinadora —liderada por Villares— perdeu" e de pór en marcha despois "un proceso infestado de irregularidades".

Nestes termos refírese ao proceso de primarias internas celebradas en decembro nas que a candidatura de Villares saíu vencedora en por un 60%, en detrimento da liderada polo candidato dos críticos e ex-deputado de Podemos David Bruzos, apoiado por Podemos, Esquerda Unida e Anova.

Pero o líder da formación morada denuncia que se cambiou un sistema garantista por un que non tiña ningunha garantía", tanto no referente á protección de datos como á propia votación, segundo un informe pericial encargado por Podemos Galicia.

Con todo, a pesar destas afirmacións, rexeitou dar por feita a ruptura de En Marea. Insta a "dar carpetazo" á crise interna e defende que "o espazo de cambio no país é sólido". Agora ben, apunta á necesidade "imprescindible" de "facer un espazo máis amplo, máis grande, onde os partidos, a sociedade civil e as mareas municipalistas estean cómodas".

Con todo, a cúpula de Podemos Galicia realizou un ofrecemento a Esquerda Unida, Anova e as principais mareas locais para abrir un "diálogo" fóra do seo de En Marea e impulsar a creación dunha nova fronte de partidos. Unha proposta que fixo en base a que di que a dirección encabezada por Villares está "anulada e inhabilitada politicamente" por ser electa nun proceso "irregular" e carente de "garantías democráticas e transparencia".

Sen aclarar como será ese espazo de cambio, sostén que ten que continuar en maio, coa vista posta nas municipais e nas europeas, para "frear á extrema dereita" e opta por poñer en valor "o aval" dos alcaldes das Mareas e o traballo da formación no Congreso".

De cara aos comicios municipais, Podemos Galicia defende apoiar "marcas consolidadas", como as Mareas que están a gobernar", pero non aclara como se desenvolverá a precampaña ante as discrepancias existentes na actualidade.

Antón Gómez-Reino insiste en "pór en valor as cousas positivas", xa que cre que é "unha mágoa" que non se fale dos Orzamentos Xerais do Estado, "do traballo político feito, dun acordo que ten que ver con pensións, salario mínimo interprofesional... unha chea de cousas".

Aínda así, entende que "toca seguir presionando ao Goberno" para obter unhas contas "máis amplas" e con "máis compromisos para Galicia".

PREOCUPACIÓN ANTE O AUXE DA ULTRADEREITA

O líder de Podemos Galicia tamén transmitiu a súa preocupación ante o auxe de Vox, unha forza de ultradereita que sitúa "contra todo: as mulleres, a democracia, a Constitución..." e acusa a PP e a Ciudadanos de estar a dar "un salto ao baleiro" ao pactar en Andalucía.

Neste contexto, sitúa ás confluencias como responsables de "evitar" que cheguen forzas políticas "reaccionarias" que leven ao país "a un espazo moi escuro".

Gómez-Reino tamén se referiu á protesta de Alcoa na Coruña deste domingo. Instou a "esixir ao Goberno que pase das palabras aos feitos". "O que están a pór encima da mesa é a morte de Alcoa e os traballadores non o aceptan".

LIDERAR PODEMOS GALICIA, "MAGNÍFICA RESPONSABILIDADE"

"A responsabilidade histórica que temos é absolutamente magnífica, eu síntoa cada día nas costas cando me levanto". Gómez-Reino replicou así a pregunta sobre os conflitos internos da esquerda mentres a dereita se radicaliza.

"Viña dos movementos sociais e se me metín nisto foi por construír un cambio. Nestes anos conseguimos ser, ademais dun espazo de cambio, un muro de contención ante as políticas autoritarias, ante as políticas da dereita", subliñou, para concluír que "ademais de políticas públicas diferentes", puxeron "enriba da mesa concellos con corrupción cero. "Non é pouco, pensemos como estabamos en 2014".

O ALCALDE DE FERROL DEFENDE A VILLARES

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, considera que xa "pasou un momento complexo, de disgregación" e "de estigmatización das formacións das mareas municipalistas", e agora "non hai inscritos de primeira e segunda categoría".

Por este motivo, insta a "resolver esas diferenzas e que os debates internos non estean na primeira plana día tras día", e defende o papel do portavoz de En Marea, Luís Villares, a pesar de que publicamente, no último plenario, este o acusou de non contar con el para o acto de aniversario de Ferrol en Común.

"Eu respectei sempre toda a actividade desenvolvida por Luís no orgánico e o político, aínda que teña diferenzas con el creo que teñen que ser resoltas persoalmente", asegura e admite que nalgúns casos, como o seu persoalmente, "a incontinencia verbal non foi a adecuada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

3 Fidel Castro

Boisimo. Seguro que a que pide a dimision de Villares e a Paula Quinteiro, quen sabe o mellor opta a ser ela a pprtavoz do grupo parlamentar. Toné estás rabioso, pois aguantate.

2 Gamela

mentres Toné fala na SER, Villares prefire o ABC ! (cousas veredes!) https://www.abc.es/espana/galicia/a... Se deixaran de cacarexar na prensa e falaran cara a cara igual habería unha solución! Radiografia Borrosa En Marea https://i.gal/gamela03 Como sigamos así a xente en maio vai marchar á praia fixo !!!

1 xacobe

Non queda nada que arranxar, isto rematou e sabédelo!!!

2 Gamela

xacobe, pensas sinceiramente que non hai nada que arranxar...? e logo prefires darlle os votos aos de sempre? PP - PSOE - BNG ? paréceche unha mellor solución? Este é o estado da CasaComún https://i.gal/gamela03

1 Morgana dende o Averno

Ben, non vou dicir: eu xa o dixen. E lembrade nunca esqueceremos: Intentastes desfacer o nacionalismo galego dende dentro, entregásteslles milleiros de votos ao nacionalismo centralista e dades dende o inicio espectáculos lamentables. Pouco que dicir. O último que apague a luz... E malia que nunca se poida, nin se deba esquecer a vosa histórica traizón, si é posible a xenerosidade do perdón. E nós somos xenerosos de máis porque a nosa fortaleza permítenos ser magnánimos. Cando digo nós, non falo dende a perspectiva dunha forza política senón dende o nacionalismo e o galeguismo de esquerdas e non chachiguaiprogre.

1 6Maduro

Si home si. Xenerosidade. Se eu che contase, o que psa que a UPG sola non vai a ningures.