Mercadona, mirando para os ollos do xigante (I)

Mercadona é un exemplo para o mundo empresarial. Produtos “exclusivos”, fornecedores únicos, política laboral “diferente”. Visión empresarial “desmarcada” dos demais. Imos debullar algúns dos puntos que fan “distinta” a esta cadea de tendas. Comezamos coñecendo os pés desta empresa para continuarmos vendo o que hai detrás.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As orixes de Mercadona están en Cárnicas Roig, propiedade de Francisco Roig e da súa muller Tinidad Alfonso Mocholi. Era un negocio de distribución de carnes que querían expandir pensando no sector dos ultramarinos. A comezos dos oitenta, Juan Roig, un dos fillos, apoiado polos seus irmáns, cómpralle o negocio aos pais. Nese momento a política de empresa cambia. Primeiro o nome “Mercadona”, do que hai algunhas teorías sobre a súa orixe. Despois comezou a compra de diferentes empresas de distribución españolas. Estas empresas estaban afectadas pola irrupción en España de compañías estranxeiras máis postas ao día en cuestión de márketing, vendas, distribución e negocio.

Imagen del nuevo supermercado Mercadona en Logroño
Imagen del nuevo supermercado Mercadona en Logroño

En poucos anos Juan Roig, en solitario pois os irmáns e irmás foron cada un polos seu camiño, vai comprando cadeas españolas para ampliar así o seu modelo de negocio. Ese modelo aparece nos anos 90 baixo o lema “Siempre Precios Bajos”. O obxectivo era facerlle a competencia aos grandes da distribución e da alimentación con prezos baixos. Un risco para o momento, pero a Roig foille ben. O caso é que o empresario valenciano quixo seguir innovando para marcar diferenzas cos seus competidores. Así, o primeiro paso foi estar el á fronte da nova politica da subministración para a súa cadea e logo, esa nova política implicou que moitas marcas de alimentación deixaron de venderse dentro da cadea de superficies Mercadona en favor de marcas brancas propias. Isto non deixou moi boa impresión dentro do sector da alimentación, que veu como moitas marcas ían desaparecendo dos andeis de Mercadona.

MARCAS BRANCAS

Segundo a  propia empresa, a principal motivación é  “satisfacer plenamente todas as necesidades de alimentación, limpeza  no fogar e hixiene persoal dos clientes e tamén as necesidades relacionadas co coidado das súas  mascotas”. Para isto, Mercadona obviamente ofrece uns produtos que son cualificados pola competencia e analistas do mercado da alimentación como “marcas brancas”.

Estas marcas son parte da estratexia ideada por Juan Roig. Se falamos de marcas brancas, normalmente son propiedade da cadea que as dristribúe. Así comercialízanse produtos con prezos baixos e máis competitivos. Mercadona non lles chama “marcas brancas” senón “marcas propias. A denominación estaría en consonacia coa relación a longo prazo coa distribuidora. As marcas propias foron desprazando a outras como parte do control que Roig quixo exercer sobre a subministración cara a súa empresa.

Supermercado de Mercadona
Supermercado de Mercadona | Fonte: La Sexta

Como exemplo está a marca Hacendado, cualificada polo presidente do grupo como “interprovedor”, marca cunha relación comercial-empresarial directa con Mercadona. Segundo datos consultados por Galicia Confidencial en diversas fontes, a día de hoxe a empresa de Juan Roig contaría con 120 interprovedores ademais de case 800 provedores a comezos do pasado ano de 2018. A relación co interprovedor é directa, constante, mentres que cos provedores non é tanto así que a relación pode romper máis facilmente.

O ollo fixo de Roig quere controlar cada unha das diferentes marcas que entran no seu negocio. Segundo explicou a empresa o ano pasado “búscase traballar o máis perto posible cos provedores para chegarmos a un obxectivo común, adaptármonos mellor e con máis axilidade ao que queren os nosos clientes e fortalecer a nosa oferta”.

CALIDADE TOTAL

“O primeiro paso para entrar como traballador en Mercadona é unha entrevista. Se te cualifican como válida, antes de comezar a traballar debes asistir ao curso de calidade total”” di Lucía, traballadora en Mercadona desde hai sete anos. Segundo a mesma empresa Desde 1993 Mercadona basea todas as súas decisións no Modelo de Xestión de Calidade Total que procura satisfacer por igual e coa mesma intensidade os cinco compoñentes en toda a Cadea Agroalimentaria Sustentable de Mercadona: “O Xefe”, como internamente denomina ao cliente, O Traballador, O Fornecedor, A Sociedade e O Capital”.

Como se ve, os cinco piares fundamentais do modelo Calidade Total teñen un nome que os define dentro deste diagrama. “Os clientes son os xefes, é como se quixesen que te puxeses no lugar deles e así atendelos da mellor maneira posible” remarca Lucía. Algunhas das críticas que verten sobre este método, tanto desde dentro como desde fóra, é o “carácter sectario” no seu comportamento tanto en política interna, laboral e de relacións co cliente.

O primeiro piar do modelo é o Xefe, o ou a clienta. Debe estar completamente satisfeito, por iso “fica no centro de todas as decisións da empresa”. Para isto incídese en catro puntos innovadores: no produto, nos procesos, nos conceptos e na innovación. Para implementar estes procesos, tal como di Mercadona, “mantivéronse perto de 9000 sesións cos “Xefes” nos centros de co-innovación”. O resultado foi, como apunta a empresa “240 produtos novos e 150 melloras”.

O segundo piar, o traballador ou a traballadora. A fama de Mercadona con respecto da súa relación coa xente que traballa dentro, é a dunha empresa que compensa o traballo, o mérito e que ofrece salarios que “ás veces están por riba doutras cadeas de alimentación e superficies grandes” apunta María López, tamén traballadora de Mercadona. O número de persoas que traballan é de 84.000 aproximadamente. A oferta ao traballador é a estabilidade, formación e promoción, conciliación e retribución: “reparto dos beneficios obtidos ao longo do ano.  compañía comparte o 35% do beneficio anual entre o cadro de persoal”. E ademais, Mercadona engade que “o Traballador, que é quen ten que satisfacer “O Xefe”, ten que estar á súa vez satisfeito porque o único que é difícil de imitar é a excelencia no servizo”.

Terceiro, o provedor. Está especializado en enviar unha serie de produtos que mostran unha especialización de cada provedor, “para lle ofrecer ao “Xefe” unha Variedade Eficaz que garanta en cada produto a seguridade alimentaria, a calidade, o servizo e o prezo máis baixo posible”. Debido a esta política empresarial, Mercadona “presume” de ter axudado á creación dun clúster empresarial arredor das súas tendas, un fenómeno ligado á súa Cadea Agroalimentaria Sostible de Mercadona (CASPOPDONA).

Cuarto, a sociedade. Obviamente, como calquera outra empresa das súas característas, un dos desexos é poder contribuir ao desenvolvemento social. Dentro deste apartado teñen diversos puntos como o compromiso ambiental e de sustentabilidade, integrarse nos mercados municipais e os compromisos éticos: “ Mercadona está adherida desde o ano 2011 ao Pacto Mundial pola defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción”.

Quinto punto, o capital. “Se satisfaces “O Xefe”, chegan as vendas; con elas, os beneficios; e a partir de aí, o crecemento compartido”. Ou traducido, que a satisfacción do Xefe ten por resultado o beneficio para a empresa. Juan Roig declaraba hai uns meses que cantos máis empresarios, máis riqueza nun país, comparou Andalucía con Cataluña dicindo “Cataluña é máis rica porque hai máis empresarios”. Pero xunto con isto, o empresario valenciano remarcou que “as empresas non están para maximizar beneficios, se só quixeramos maximizar beneficios teriamos que adicarnos á droga”.

EMPREGO?

María López, empregada desde hai catorce anos, ten claro que “a empresa por si soa non crea emprego, son os clientes coa súa demanda os que crean ese emprego”. Con todo, os beneficios que ten Mercadona non só proceden da súa política empresarial, co uso de produtos e fornecedores exclusivos, a busca da calidade tanto no produto como na atención ao salario dos traballadores.

As políticas laborais deste xigante da alimentación quedaron en parte descubertas mediante as denuncias dunha serie de traballadores. Estas denuncias ofreceron un punto de vista moi diferente ao que supostamente significa Mercadona e o seu modelo.

Diagrama co modelo de calidade total
Diagrama co modelo de calidade total | Fonte: Mercadona
Juan Roig, CEO de Mercadona
Juan Roig, CEO de Mercadona | Fonte: youtube.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Agardamos a segunda entrega con impaciencia... as denuncias dos traballadores deberan ser contundentes... Pero sí é certo que moitos distribuidores (Corte Inglés) semella que o único obxectivo é Maximizar Beneficios! Nunha palabra "especulan coas necesidades básicas da xente" !!!