A Coruña "controlará" que as VTC cumpran a normativa vixente

O Concello da cidade herculina mantivo unha reunión co sector dos taxistas, "preocupados" ante esta nova realidade, e comprometeuse a vixiar que este tipo de vehículos non infrinxan normas como as de non ofrecer servizo se non é baixo demanda previa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2019 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

O concelleiro de Mobilidade Sostible do Concello da Coruña, Daniel Díaz Grandío, e a edil responsable da área de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, mantiveron esta semana unha reunión cos representantes das asociacións de taxistas da localidade e aseguraron que a Policía Local "controlará" que os vehículos con licenza VTC cumpren coa lexislación vixente, como a de ofrecer o servizo baixo demanda previa.

Un vehículo VTC identificado como tal na Comunidade de Madrid
Un vehículo VTC identificado como tal na Comunidade de Madrid | Fonte: RTVE

"Aínda que o concello non ten competencias sobre a regulación das licenzas VTC, o que si pode garantir a administración local é o labor de control, mediante a Policía Local, do cumprimento da lexislación", sinalou Díaz Grandío.

Tal como explicou o Concello da Coruña nun comunicado, a raíz do inicio da actividade deste tipo de iniciativas empresariais no termo municipal, o Goberno local e as entidades Radiotaxi e Teletaxi comezaron unha roda de contactos pola "preocupación do sector pola defensa deste servizo público".

Desde decembro, con datos do concello da Coruña, o corpo municipal requiriu a documentación e fixo un seguimento ata en oito ocasións sobre vehículos que dispoñen deste tipo de licenza. En dúas das intervencións, confirmouse o transporte de viaxeiras, "mentres que nos restantes casos tramitouse un informe, que se remitiu á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, de cara ao estudo de posibles infraccións".

"En lugares de afluencia de público, en horario nocturno, detectouse a disposición dos vehículos para recoller xente. Isto non é unha función legal, xa que a autorización da que dispoñen impide ofrecer estes servizos se non foi contratado previamente", explicou Fraga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta