Varamentos de baleas e cachalotes en Galicia, cada vez máis

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA constata que a aparición de grandes cetáceos varados na nosa costa vai en aumento. Dende 1990 a 2018 vararon en Galicia 178 exemplares de baleas e cachalotes, pero só desde o pasado mes de decembro xa apareceron sete. O cambio climático e a elevación da temperatura do mar poderían explicar este fenómeno.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A aparición de dúas baleas varadas a pasada semana en praias de Ponteceso e Muxía abraiou a moitos veciños, pero os varamentos de grandes cetáceos na costa galega non son algo raro. E van en aumento.

Balea varada en Galicia
Balea varada en Galicia | Fonte: CEMMA.

Dende 1990 a 2018 vararon 178 exemplares de grandes cetáceos en Galicia: baleas e cachalotes. Son datos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, única entidade autorizada pola Xunta para a participación na Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En 2018 rexistráronse seis varamentos de grandes cetáceos na nosa costa, unha cifra que está dentro da media anual, explica Alfredo López, biólogo e presidente da CEMMA.

"Aínda que a media anual resulta ser de 5,9 exemplares, o 2018 cun total de 6 exemplares non resultou ser un ano cun grande número de casos, xa que houbo anos de 10 e 12 exemplares", detalla.

O que preocupa aos biólogos é o aumento de varamentos que se vén rexistrando nos últimos anos. A media foi evolucionando entre décadas: en 1990-99 foi de 3,9 exemplares; entre 2000-09, de 7 exemplares e no período 2010-18, de 8 exemplares, "o que indica un aumento paulatino destes varamentos", aporta López.

Recén estreado 2019, xa son dúas as baleas varadas en Galicia. A primeira foi atopada o 16 de xaneiro. Trátase dunha cría femia de balea común de seis metros que apareceu na praia de Nemiña, no municipio coruñés de Muxía, e que finalmente morreu. O segundo exemplar apareceu morto só tres días despois, o 19, na praia de Balarés, en Ponteceso. Era un macho de 16 metros de lonxitude.

Desde o pasado mes de decembro apareceron xa sete exemplares de balea varados en Galicia, feito que coincide cun aumento dos avistamentos desta especie fronte a costa galega nos últimos tempos. Un síntoma máis de que algo está acontecendo.

"As razóns do aumento dos varamentos de grandes cetáceos é complexa de analizar, pois estamos a falar fundamentalmente de catro especies diferentes con moi distinto comportamento", introduce Alfredo López.

En Galicia houbo rexistros da presenza de sete especies diferentes de grandes cetáceos, segundo os datos que manexa a CEMMA. Unha delas é a balea vasca (Eubalaena glacialis), a cal está actualmente extinguida e da que se atoparon restos óseos nos antigos portos baleeiros. Outra é a balea boreal (Balaenoptera borealis), capturada ata os anos oitenta do século XX e da que houbo algún varamento antes da posta en marcha da Rede de Varamentos  en 1990, pero ningún posterior a ese ano. E logo están as especies das que houbo rexistros nas últimas tres décadas: a balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), a balea común (Balaenoptera physalus), a balea azul (Balaenoptera  musculus), a balea xibarte (Megaptera novaeangliae) e cachalote Physeter macrocephalus, "ademais dun número de exemplares de grandes cetáceos indeterminados, que posiblemente pertencen á especie balea común", detalla López.

O biólogo ten claro que "o aumento dos avistamentos e varamentos destas especies nada ten a ver coa recuperación das súas poboacións, senón con cambios nos seus costumes e rotas".

"O cambio climático e a elevación da temperatura oceánica podería explicar que as baleas cada vez descendan menos. A fronteira ecuatorial entre ambos hemisferios planetarios, insalvable para as baleas, estase alongando", argúe o presidente da CEMMA.

Este achegamento á plataforma "aumenta o risco de colisión e morte de exemplares causada por atropelo de grandes embarcacións", engade López, que certifica que "a tendencia é a un lixeiro aumento" dos varamentos.

Os datos que manexan na CEMMA indican que os varamentos de balea se concentran maiormente entre os meses de setembro a xaneiro, cun 66% dos casos. López destaca que na época de outubro a xaneiro se rexistran os exemplares de menor tamaño, de menos de nove metros de lonxitude (76%).

AVISTAMENTOS DE BALEA AZUL, O ANIMAL MÁIS GRANDE DO MUNDO

A presenza de baleas en augas de Galicia xa non semella algo anecdótico. Desde o outono de 2017 membros do BDRI —o Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares, con sede no Grove— foron testemuños dun extraordinario aumento de avistamentos de baleas azuis –o animal máis grande do planeta– fronte a costa galega.

Estes avistamentos levan a pensar aos científicos do BDRI que as baleas azuis estarían achegándose á nosa costa para dar conta dun bo banco de alimentos que para elas é un paraíso.

Só entre o 10 de setembro e o 31 de outubro de 2017, observáronse unhas 60 baleas entre Fisterra e as Illas Cíes, entre as cales cinco corresponderon a avistamentos de balea azul (dous exemplares identificados e un visto en dúas ocasións). Desde entón, eses avistamentos non deixaron de sucederse e conseguiuse, por primeira vez, capturar imaxes submarinas dun exemplar de balea azul en augas de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta