A Unión de Consumidores de Galicia ve "compatibles" os VTC e os taxis

Pide unha "urxente remodelación" do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) sinalou que os Vehículos de Transporte con Condutor e os taxis son "compatibles" pero pediu unha "urxente remodelación" do sector. Tal como sinalou a Ucgal nun comunicado, limitar as opcións de mobilidade dos consumidores a un só tipo de servizo, o taxi, "o único que propiciou foi que o sector, por unha banda, fose acumulando carencias á hora de dar o servizo, e por outro, aumentase as tarifas".

Taxi en Santiago de Compostela
Taxi en Santiago de Compostela

Para a Ucgal, os VTC son unha modalidade de servizo que constitúe unha solución "complementaria" para os consumidores no ámbito da mobilidade, podendo engadir elementos que se conforman como "un plus do servizo".

Segundo explicou a asociación, en Galicia, tanto o sector do taxi como o dos VTC están regulados por un decreto do ano pasado. "En virtude desta regulación, a Ucgal entende que estamos ante dúas actividades ben diferenciadas e que a actual normativa galega fai compatible a convivencia de ambos os servizos", engadiu.

Nun informe comparativo sobre as tarifas do taxi en Galicia, publicado por Ucgal en 2012, que recollía datos de 41 concellos de máis de 14.000 habitantes, "constatouse que a estrutura tarifaria do sector non era homoxénea", destacou a Unión de Consumidores de Galicia.

"Este é un dos múltiples problemas dun sector que necesita unha urxente remodelación para adaptarse non só á realidade económica dos galegos e galegas, senón tamén ás súas necesidades en materia de mobilidade", apuntou a asociación.

Ucgal estima que a competencia "real e efectiva" redunda nunha mellora dos servizos e nun aumento da calidade, entendendo a competencia como un elemento "positivo" dentro dos procesos de liberación do mercado.

"No que se refire ao taxi e aos VTC, o proceso de liberación e de libre competencia debe estar acompañado dun marco normativo que ofreza garantías aos consumidores e no que todos os operadores exerzan a súa actividade en virtude das mesmas bases reguladoras", engadiu Ucgal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta