As Letras Galegas chegan a Italia

Un libro leva ao italiano textos de medio cento de figuras homenaxeadas o 17 de maio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O libro 'A letteratura galega. Autori e Testi', elaborado polos centros de estudos galegos de Padua, Roma e Perugia, recolle as traducións ao italiano de medio centenar de textos doutras tantas figuras da literatura galega co obxectivo de ofrecer unha "obra de referencia e de utilidade" para achegarse ás letras galegas desde Italia.

O volume, que conta coa colaboración da Real Academia Galega (RAG) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentouse este martes en Santiago. Durante o acto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que esta antoloxía "vén estreitar aínda máis o vínculo entre as literaturas galega e italiana" e busca "dar proxección e difusión" á lingua e cultura propias de Galicia no mundo.

"Un dos desafíos da lingua, da literatura e da cultura galegas na era da globalización é a súa proxección exterior, a capacidade que teñamos para presentar no mundo o noso patrimonio e a nosa creatividade, neste caso a creatividade literaria", destacou, tamén durante a presentación, o presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Os Centros de Estudos Galegos das universidades de Padua, Roma e Perugia (Italia), pertencentes á Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, son os encargados de editar este libro, o marco da colección Finisterrae e baixo o prestixioso selo Cerocci Editore.

O volume, coeditado polos profesores Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero (CEG de Padua), está prologado polo profesor, investigador e académico da RAG Xesús Alonso Montero e constitúe unha antoloxía en italiano que recolle 50 figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas no período 1963-2011.

Cada autor conta cunha biografía e unha antoloxía de textos diversos, presentados tanto en idioma orixinal como na súa tradución ao italiano. Complétase cun prólogo de Xesús Alonso Montero e tres apéndices: Mapas, Feitos históricos e Publicacións periódicas.

Rosalía
Rosalía

Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, pa. XUNTA
Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, pa. XUNTA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta