Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2019 | Actualizada ás 21:14
Máis de 200 axentes turísticos puideron gozar este venres na cidade escocesa de Glasgow da oferta musical e gastronómica de Galicia no marco do Festival Celtic Connections. Anxo Lorenzo, Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Talabarte e A Banda das Crechas actuaron como parte da selección galega que participa no evento desde o pasado 17 de xaneiro xunto con Sondeseu, Mercedes Peón e Mónica de Nut.
Este venres, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu a delegación galega que ofreceu unha recepción musical e gastronómica aos máis de 200 axentes acreditados en 'Showcase Scotland', unha actividade encadrada no festival de cultura celta da cidade escocesa.
Algunhas das bandas galegas máis recoñecidas puxeron música a unha degustación da oferta gastronómica de Galicia, nunha aposta polo "tándem música-gastronomía" que a Xunta pretende promocionar durante este tres semanas do Celtic Connections, un dos festivais máis relevantes da tempada de inverno a nivel internacional e o máis destacado no referente á cultura celta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.