Menos samba e máis traballar

Está á volta da esquina, o 26 de maio, estamos chamados a elixir as corporacións dos concellos e tamén os europarlamentarios. Toca unha análise do traballo feito e repasar as promesas cumpridas, este é o tópico de sempre.

Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 06/02/2019

Comparte esta noticia
A realidade hoxe é que as máquinas dos partidos están a todo meter, xa se aprecia que non se andan con chiquiñas, mesmo o propio PP ten tensións potentes: Ourense, Viveiro, Ribadeo, Monforte... É tamén a época das enquisas e sondaxes de botar números para as deputacións. 
 
Porén estas eleccións que todo o mundo pensaba con menos siglas e máis tranquilas van ser todo o contrario, coido que a mostra está en Ferrol ou Ourense. Cidades onde imos ter máis listas que xente. Tampouco é malo é unha expresión máis do cansazo da xente, que cómpre xestionar.
 
Neste senso é onde eu quería incidir, agora xa non valen queixas nin frases feitas sobre a política e os políticos. Agora é o momento de menos samba e máis traballar. Son dos que opina que todos os cidadáns tiñan que pasar por unha lista electoral, espectro existe para case todo. Coñecer os interiores das candidaturas, organizar campaña e actos, pegadas, falar coa xente... faría que a política recuperase o seu sentido e a súa valía. Moitas das criticas son merecidas seino pero moitas outras son simplemente dogmas e clichés. Acaso non merecen respecto aquelas persoa dunha lista electoral que entregan o seu tempo, ideas e recursos para mellorar os concellos onde viven? Na acción da política non todo son grandes salarios e corrupción, iso é o mínimo, mais entendo que sexa o que cabrea. Mais contra iso existe unha maneira de loitar, que vai máis aló de criticar, chamase comprometerse.
 
Comprometerse cos veciños e veciñas, co teu pobo, coa túa comarca e co teu País que é Galicia, para poñer o teu gran de area na mellora social e no reparto equitativo das oportunidades.  E tamén, porque non, para botar da política ós seres depreciables e que aproveitan da situación. Despois do 26 só queda a queixa do bar e o tempo perdido no avance da sociedade, que é a peor consecuencia de que gobernen os mediocres.
 
Anímovos a participar da política, a ser parte da roda que move a sociedade e tamén marca o futuro. Que mellor maneira dignificar esta nobre acción? Porque políticos vai haber e depende de todos nos que sexan os adecuados. Sempre lembro unha frase dun ancián que foi votar, díxome, ”vota sempre, este día somos todos iguais, o voto vale o mesmo para todos”
 
Lembrade que non fai moito non se votaba, e os dereitos que non se exercen poden perderse.
 

Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais
Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais | Fonte: teinteresa.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA