Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 14:54
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu os 16 acusados na coñecida como operación 'Trucarro', na que se investigou a manipulación da quilometraxe de vehículos de segunda man antes de poñelos á venda.
O tribunal decretou a nulidade das intervencións telefónicas no trámite de cuestións previas, unha decisión que, tal e como indica na sentenza, marcou "o devir do procedemento". Os maxistrados sinalan na resolución que a nulidade das escoitas, tal e como sostiveron as acusacións durante o xuízo, "determinou que todas as demais probas estivesen contaminadas ao obterse toda a información por mor delas".
A Audiencia argumenta que a investigación, iniciada en 2008 e levada a cabo polo Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela, partira da información que a Garda Civil obtivera nunha intervención telefónica acordada polo Xulgado de Instrución número 2 de Lalín.
O tribunal subliña que os datos conseguidos nesas primeiras escoitas telefónicas, que son os que deron orixe á operación 'Trucarro', non constan na causa, á que tampouco se incorporaron "nin os autos que as acordaron nin os oficios policiais que as solicitaron". As defensas dos sospeitosos impugnaron por ese motivo a validez das intervencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.