Noriega nega ameazas a Hernández e di que o PP se agocha tras esta "campaña de infamia"

O alcalde de Compostela Aberta alega o seu "carácter británico" fronte ao "colérico" do portavoz popular. Así mesmo, reitera que emprenderá accións xudiciais ante a denuncia de "rede de favores"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, negou ameazar ao portavoz do PP, Agustín Hernández, e confrontou o seu "carácter británico" co "tremendamente colérico" do tamén candidato popular.  O rexedor compostelán esgrimiu este argumento tras ser preguntado, directamente, sobre a acusación que realizou Agustín Hernández este mércores.

O portavoz do PP acusou a Noriega de "ameazalo"no despacho de Alcaldía, no momento no que os populares estaban a realizar unha rolda de prensa para denunciar unha suposta "rede de favores", con contratos "a dedo" con empresas con "vínculos" do goberno local.

Martiño Noriega respondeu con referencias persoais, confrontando o seu carácter co do portavoz do PP: "Os que me coñecedes desde hai anos sabedes que se algo me caracteriza é un carácter británico, e se algo caracteriza a Agustín Hernández é un carácter colérico", asegurou. Tras ironizar que o que quedaba agora era "pasar de vítima a agresor", incidiu que na súa casa "ensináronlle educación".

Sobre a reunión no seu despacho con Agustín Hernández, explicou que "o único" que lle dixo ao portavoz popular é "que hai que estar moi desesperado para facer o que estaban a facer", en especial "sabendo que non eran verdade as súas acusacións".

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega. CONCELLO - Arquivo
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega. CONCELLO - Arquivo | Fonte: Europa Press

É máis, resaltou que lle reprochou que estivese "a prexudicar a xente que nada ten que ver co debate político nin coa dinámica política" e reiterou que dá por rotas as relacións institucionais co Partido Popular.  Neste sentido, volveu a lamentar "as vítimas civís", "as mentiras" e que "a infamia cotice na bolsa de valores e que teñan altofalantes mediático-políticos".

O PPDEG ESTÁ "DETRÁS DA CAMPAÑA" DE INFAMIA

Despois de que o PP asegurase que a "rede de favores" se estendeu á cidade da Coruña, na que se asinaron contratos coas mesmas empresas, Martiño Noriega denunciou que "a infamia está agora circunscrita no ámbito do país" e ve "evidente que a sombra do PPdeG está detrás desta campaña e desta infamia".

Martiño Noriega insistiu en que o goberno local só responderá "coa verdade, cos datos, negando calquera trato de favor" e insistiu en que se adoptarán as "accións xudiciais pertinentes". A xeito de conclusión, resolveu: "Contra este tipo de actitudes e contra a mafia, democracia, e en maio axustaremos contas".

Nas súas acusacións, o PP referíase a un total de 14 contratos con 7H Sociedade Cooperativa Galega, por valor total de 57.802,77 euros. O PP vinculaba esta empresa coa concelleira Noa Morais porque nun dos programas contratados participou a súa irmá, aínda que indicou a Europa Press que se desvinculou en 2015.

Outro dos contratos con Produccións Teatrais Excéntricas SL para contratar unha actuación do artista Quico Cadaval, cun importe de 605 euros. E había un último contrato de 501,5 euros para dous talleres de escritura creativa nos que participou a socia de editorial -Apiario- da parella do rexedor, xunto a outra quincena de poetas.

O día seguinte a estas denuncias,  o PP falou de que se estendeu a "rede de favores" á cidade que goberna Marea Atlántica, posto que existían unha ducia de contratos do Concello a persoas próximas ao goberno local de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta