Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/02/2019
Moitas máis persoas, en comparanza (Galicia achega só un 5% da poboación estatal) xuntaron as organizacións en defensa da sanidade pública galega na demostración que á mesma hora decorreu as rúas compostelás co apoio das forzas parlamentarias da oposición galega: En Marea, PsdeG e BNG. O presidente Feijoo amosou o seu absoluto desnortamento modificando a súa axenda para ir quitar a Madrid unha foto cos da Falanxe e Vox no canto de enfrontar á emenda á totalidade que a Galicia do progreso e da cohesión social lle estaba a facer entre a Alameda e a Quintana da capital do noso país.
O que vimos en Madrid foi a España reaccionaria, a que quere voltar á idea dunha nación única, dun único matrimonio heterosexual, das mulleres sometidas e dos homosexuais perseguidos. Axenda á que se lle incorpora á persecución dos migrantes e da cidadanía que cuestione esa España da nación, lingua e cultura únicas, a España do “a por ellos”. Unha España que reaxiu co discurso parcial e desaquelado do Xefe do Estado do 3-Ou de 2017.
Porén, faría mal a Galicia plural da alternativa en desprezar os efectos da demostración madrileña por mor do seu limitado apoio popular. Porque ésta é unha enxurrada con moitos apoios mediáticos e de sectores ben abastados económicamente, que fai parte dunha ondada reaccionaria xurdida en Hungría, Polonia, USA e, agora, Brasil e Italia e que tenta que ollemos máis ao dedo da inmigración, do soberanismo ou dos diferentes ca á lúa das desigualdades sociais e dos recurtes.
Pedro Sánchez amosou estes días que a esquerda española sempre lle merca o relato territorial da España unha, grande e libre á dereita. Mais agora, poucos días antes do debate de totalidade dos Orzamentos estatais, xa sabe da limitada forza da dereita extrema tripartita e do reactivamento que esta enxurrada reaccionaria da España do NODO xerou nas nacionalidades e territorios periféricos e está a xerar nalgúns sectores da esquerda española.