Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:22
O Grupo Provincial Popular denunciou que o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, "multiplica" o soldo dun membro da executiva local do PSOE lucense a tres meses das eleccións.
Segundo os populares, a través dun "decreto asinado hai unhas semanas a Miguel Anxo Crende López", secretario de organización do PSOE da cidade de Lugo, "véñenlle de ser atribuídas temporalmente as funcións de celador-responsable coordinador da Terceira Zona".
En concreto, o traballador provincial ocupa unha praza de obreiro de vías e obras. Con este nomeamento, segundo os populares, pasa de ter un "complemento específico de 338,16 euros a 760,37 euros, máis de 400 euros ao mes".
Respecto diso, os populares critican a designación "a dedo" deste posto, cunha suba salarial que supón un "agravio comparativo respecto dos capataces deste servizo, algún deles con máis de 30 anos traballados".
RESPOSTA DE CAMPOS
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, negou "nepotismo" tras esta denuncia realizada polos populares.
Campos explicou que o incremento salarial "non ten nada que ver con que sexa socialista", xa que "é un traballador máis da Deputación cos mesmos dereitos de todos". "Subíuselle (o soldo) porque se considerou que era necesaria esa atribución temporal de funcións a esa persoa", xustifica. Neste sentido, apuntou que "tamén se mellorou o soldo aos do Partido Popular"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.