Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:31
O Partido Popular de Santiago anunciou este martes que pedirá a convocatoria dun pleno extraordinario para que se constitúa unha comisión de investigación municipal para "determinar o alcance" do que deu en chamar a "marea negra contractual" da que acusa ao grupo de goberno de Compostela Aberta.
Así o indicou, nunha rolda de prensa, o concelleiro Alejandro Sánchez-Brunete, que reclamou que sexa unha comisión de estudo ou de investigación a que "revise a obxectividade" das contratacións a empresas vinculadas a Compostela Aberta, segundo criticaron os populares.
Entre outras cuestións, esixen que se "examine o prezo dos contratos", o nivel de execución, a necesidade dos mesmos e a "imparcialidade da adxudicación". "Se todo fose tan correcto, non terían por que negarse a unha comisión de investigación", dixo Sánchez-Brunete.
Do mesmo xeito, retomou as acusacións que este luns facía o alcalde, Martiño Noriega, de "infamia" cara ao Partido Popula, para indicar que o que é "infamia" é "que se acreditaran numerosísimos vínculos" con persoas "da contorna" de Compostela Aberta "e non houbese unha resposta serena para aclarar esta situación".
NOVOS CONTRATOS
Sánchez-Brunete iniciou a súa intervención explicando que "a marea negra contractual esténdese" no Concello de Santiago e revelou a existencia doutros 28 contratos, por importe de 250.000 euros, que "benefician a militantes de primeira liña".
"Non estamos a falar de persoas que manifestan unha mera simpatía por Compostela Aberta, estamos a falar dos seus círculos inmediatos, da súa clase dirixente", dixo o edil popular, que augurou que "aínda hai máis". "Todos os clans de Compostela Aberta levan un contrato", asegurou Sánchez-Brunete, que afeou ao equipo de goberno que non dese explicacións e que optase polo "escaqueo, a ameaza ou o victimismo".
Estes novos contratos apuntados polo PP implican a "persoas en primeira liña da organización, da órbita máis inmediata" e o PP cuestiona que obedezan á "satisfacción dun interese público" , no canto do "interese particular dun amigo".
"O primeiro que debe examinar esa comisión é a necesidade do contrato", dixo Sánchez-Brunete, que afirmou que o PP "non cuestiona as empresas", se non a actuación gobernamental, por elementos como a "imparcialidade" da concesión, o prezo ou "a estética á hora de adxudicalo" a unha persoa da "propia contorna".
DENUNCIAS DOS SOCIALISTAS
Por outra banda, o portavoz socialista no Concello de Santiago, Paco Reyes, denunciou este martes nunha rolda de prensa "incumprimentos reiterados" por parte da empresa Lacera, concesionaria da limpeza de centros deportivos da cidade.
En relación a esta compañía, Reyes explicou que existe unha reclamación presentada o pasado mes de agosto para a que aínda "non hai resposta" por parte do concello e que o pasado 5 de febreiro se ditou unha sentenza que declara nulo "o despedimento ou non subrogación" dun dos seus empregados.
"O xuíz di que esta persoa debería ser subrogada", dixo Reyes, que viu neste feito algo "gravísimo" e esixiu ao goberno de Compostela Aberta a apertura dun expediente sancionador á empresa. "Se non, vou ter que empezar a pensar que hai algún tipo de conivencia de Compostela Aberta coas empresas concesionarias", engadiu.
Contra esta mesma concesionaria, asegurou Reyes, hai unha denuncia presentada por rexistro "que indica que non se cumpren o número de horas de limpeza" incluídas nos pregos, o que suporía un "aforro de 20.000 euros en horas para a empresa que o concello está a pagar".
Por outra banda, o portavoz socialista mencionou o caso de Eulén, ante a que os socialistas presentaron "unha serie de incumprimentos" que derivaron nunha "denuncia dos traballadores". Naquel momento, explicou Reyes, a concelleira Concha Fernández comprometeuse a abrir un expediente. "Queremos ver ese expediente", esixiu.
Finalmente, Paco Reyes falou do futuro peche do rexistro da Xunta situado na rúa Doutor Teixeiro e que ten "moita actividade". "Non entendemos que un rexistro da Xunta con tanta actividade peche", dixo o portavoz socialista, que considera esta decisión "todo o contrario de achegar a admministracion ao administrado" e reclama ao goberno local que inste á Xunta a que o manteña aberto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.