Case un terzo das mulleres vítimas de violencia machista en Galicia sufriu abusos na infancia

As vítimas de violencia de xénero sofren trastorno por estrés postraumático, depresión e baixa autoestima, segundo un estudo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/02/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

As mulleres vítimas da violencia machista en Galicia presentan unha alta incidencia de trastorno por estrés postraumático, depresión e baixa autoestima. Así o conclúe un estudo científico feito con 40 vítimas de violencia de xénero entre 21 e 60 anos de idade. Delas, case un terzo (o 27,5%) sufriu algún tipo de abuso durante a súa infancia.

Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018
Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018 | Fonte: Miguel Núñez.

O obxectivo foi describir o perfil psicosocial das mulleres residentes en Galicia que sofren violencia por parte das súas parellas masculinas, xa que "no caso do contexto galego non hai estudos científicos dispoñibles sobre mulleres vítimas de violencia de xénero", argúen as autoras do estudo, Maria Luisa Mondolfi Miguel e Margarita Rosa Pino Juste, do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra.

A investigación procurou determinar e describir a incidencia da depresión, trastorno por estrés postraumático, niveis de autoestima e a súa asociación cos tipos de violencia de parella (de natureza física, psicolóxica ou sexual), duración dos maltratos e antecedentes de abusos durante a infancia.

As mulleres con menor autoestima mostraron ser tamén as que teñen os niveis máis severos de depresión e trastorno por estrés postraumático.

Obervouse que "a autoestima é un dos aspectos máis afectados negativamente" entre as mulleres maltratadas, que tenden a ter un concepto de si mesmas negativo como "resultado dunha alta autocrítica e autoincriminación".

"Esta autoimaxe retroaliméntase co comportamento despectivo das súas parellas e os repetidos fracasos para poñer fin á relación e ao ciclo de violencia, o que provoca un sentimento constante e unha autopercepción de ineptitude", aportan as autoras. En relación a esa baixa autoestima desenvólvense a depresión e a ansiedade.

O abuso por parte da parella pode durar máis de dez anos, "o que se podería explicar pola falta de medios socioeconómicos [da vítima] que facilitarían a súa independencia", eplican as autoras da investigación.

Atopouse que "unha relación prolongada da vítima co agresor aumenta os tipos de violencia experimentada", comezando xeralmente con violencia psicolóxica e seguida de violencia física e sexual. 

ABUSOS NA INFANCIA

Sobre os antecedentes de abusos na infancia, estes asócianse cun peor prognóstico psicolóxico nestas mulleres, xa que "dificultan o fin da relación co agresor, aumentan o risco de revictimización e empeoran os síntomas psicolóxicos".

Entre eses abusos na infancia destacan o feito de ser testemuña de maltratos no fogar, abuso físico e psicolóxico, abandono e abuso sexual, moitas veces combinados.

As mulleres vítimas da violencia machista a miúdo relacionan o seu historial actual de maltrato co abuso infantil. O estudo recolle conversas cos especialistas nas que se din, por exemplo: “Non tiven unha infancia doada por mor do meu pai", "chámoo pai da miña irmá porque non o considero o meu pai" ou "non tiven unha infancia por el e non quero que o meu fillo viva así".

Unha historia de abuso durante a infancia, xunto cos escasos recursos económicos polo desemprego das mulleres, pode, segundo as autoras, explicar a "alta incidencia de trastornos psicolóxicos, que actúan como factores predispoñentes para empeorar as reaccións psicolóxicas despois da violencia de parella".

Estas mulleres expresan, ademais, a súa preocupación pola transmisión interxeracional da violencia aos seus fillos e fillas.

PERFIL SOCIOECONÓMICO

Para a recolección de datos, solicitouse a colaboración de todos os Centros de Información para a Muller (CIM) de Galicia. A mostra final consistiu en 40 mulleres de entre 21 e 60 anos, cunha idade media de 42 anos, que experimentaran ou estaban a experimentar violencia de parella no momento da avaliación.

En canto ás características socioeconómicas das participantes no estudo, a maioría delas eran de nacionalidade española, mentres que só tres eran estranxeiras. Con respecto ao estado civil, o 20% eran solteiras, o 17,5%) casadas, o 47,5% divorciadas e o 12,5% describiuse como separadas. O 90% son nais, cunha media de dous fillos.

Con respecto ao nivel educativo, o 25% non tiña estudos ou só asistira á Educación Primaria. As que completaron a Educación Secundaria Obrigatoria representan o 40% da mostra, mentres que as que teñen estudos superiores representan o 35%. Ademais, o 57% estaba desempregada e o 10% definiuse como ama de casa.

Os resultados do estudo, titulado 'Psycho-social profile of battered women in Galicia, Spain: Distress as a result of intimate partner violence and child abuse', publícanse na revista científica Health Care for Women International.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta