Por Europa Press / Redacción | Vilagarcía de Arousa | 21/02/2019 | Actualizada ás 21:01
A delegada do Plan Nacional sobre Drogas (PNSD), Azucena Martí, asinou co Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) a escritura de venda da casa Jaureguizar, comisada ao narcotraficante Marcial Dorado tras unha sentenza por branqueo de capitais. O Consistorio adquiriuna por 174.047 euros, o prezo inicial de taxación.
A coñecida como Casa de Jaureguízar, na avenida do Doutor Tourón de Vilagarcía, foi incautada ao narcotraficante Marcial Dourado, condenado a seis anos de cárcere por branqueo de diñeiro e ao que se lle comisou patrimonio por valor de 21,4 millóns de euros. Trátase dun edificio singular, con 130 metros cadrados, nunha leira de algo máis de 660 metros, e cun prezo de saída de 170.000 euros.
Ao acto de firma da venda asistiron os diferentes axentes que interviñeron nas operacións que permitiron comisar ao narcotraficante o inmoble, entre eles membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado pertencentes ao Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO), persoal da Axencia Tributaria e de Vixilancia Aduaneira.
A delegada do Plan Nacional sobre Drogas visita venres outras das propiedades incautadas ao narcotráfico e que agora se usan en beneficio para a poboación como o Pazo de Vista Real, que pertenceu ao clan dos 'Charlines' e actualmente pertence ao Concello de Vilanova de Arousa.
Tamén é o caso do Pazo Baión, que pertenceu a Laureano Oubiña, e agora é unha cooperativa vitivinícola que contrata a ex-adictos e que todos os anos ingresa diñeiro no Fondo de Bens Comisados por tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados, o cal permite obter provisión de fondos que se invisten en dispositivos de prevención, como son as Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD), así como no apoio ás entidades que traballan neste campo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.