Por Galicia Confidencial | A Estrada | 28/02/2019 | Actualizada ás 12:33
A asociación A Rapa das Bestas Sabucedo presentou unha serie de alegacións ao informe de impacto medioambiental relativo ao parque eólico Touriñán III-2. Dito parque afectaría a catro concellos e directamente aos terreos onde se celebra a tradicional rapa das bestas no lugar de Sabucedo.
Entre os puntos que alega a Asociación para que se revise o plano de impacto medioambiental, figuran os que atinguen á preservación da contorna. Nese sentido faise fincapé en que é a área onde botan o ano os cabalos e eguas ata que son conducidos ao curro de Sabucedo. Ademais, o valor natural e paisaxístico, xunto coa actividade gandeira, veríanse tamén afectados pola instalación do proxecto eólico.
Aínda máis, A Rapa das Bestas de Sabucedo considera alarmante a instalación de aeroxeneradores na zona onde se celebra a festa de Interese Turístico Internacional. Desta maneira ven incomprensible que se realicen instalacións para muíños de vento de xeneración eléctrica. A consencuencia que calculan como máis inmediata sería a perda de atractivo da Rapa das Bestas Sabucedo coa conseguinte perda tanto turística, cultural e económica.
As alegacións engaden tamén unha serie de elementos patrimoniais que se verían afectados directa e indirectamente pola instalación de aeroxeneradores. Desde edificiacións rurais como vivendas singulares, camiños para o gando e para a práctica do sendeirismo, xuntamente con espazos naturais de especial relevancia como carballeiras ata o momento conservadas.
Por último, A Rapa das Bestas de Sabucedo, presenta unha nomenclatura de estudos sobre o risco para a saúde das persoas que vivan perto de instalacións eólicas, con especial incidencia na saúde mental e de estrés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.