A confusa situación de DIA; falta de dirección, ERE e convenio laboral incerto

A terceira cadea de alimentación máis grande de España, DIA, vive momentos confusos que están a causar incerteza a moitos dos seus traballadores en Galicia. Os índices da bolsa (IBEX 35) non apuntan bos resultados e enriba da mesa hai un ERE extintivo do que non se sabe case nada.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O panorama non pinta ben para a Distribuidora Internacional de Alimentación (DIA), cando o novo equipo directivo presidido por Juan de la Cierva quere aplicar un ERE extintivo dentro do grupo alimentario en todo o estado. Segundo analistas externos que observan a evolución dos acontecementos, DIA está perdendo cota de mercado entre as grandes empresas da alimentación. Os motivos máis sinalados son cambios de hábitos dentro dos consumidores, novos modelos de negocio que non saíron ben, perda de capital en comprar outras cadeas máis pequenas mentres a competencia abría novas superficies.

Supermercado Dia. EUROPA PRESS - Arquivo
Supermercado Dia. EUROPA PRESS - Arquivo

A todo isto débese engadir tamén o investimento realizado pola empresa para poder cambiar a súa imaxe pública. DIA era considerada como unha cadea de alimentación moi barata e de mala calidade. O desexo de cambiar esta percepción dentro do mercado fixo que a compañía realizase campañas de publicidade e apertura de novas marcas ligadas á empresa matriz, todo con tal de cambiar a imaxe negativa imperante.

ERE POR SORPRESA

O 4 de marzo reuniranse as forzas sindicais con maior representación na cadea a nivel estatal, UGT, CCOO e FETICO. O venres 22 de febreiro os sindicatos reúnense con representantes da empresa para comezar os primeiros contactos. “En vez de darnos os datos das tendas afectadas por lugares ou ubicación, fano cun número de referencia da tenda” di Juan Zas de CC OO. “Iso quere dicir que teremos que ir código por código buscando a tenda que referencia”. Con estas ferramentas terán que “ir preparando a reunión de aquí cara o 4 de marzo”.

En total 2.066 persoas estarían afectadas polo ERE nun total de 287 tendas e tres almacéns sinalados. Todos estes números son os globais para toda España, sen ter coñecemento do número de persoas que se poderían ver afectadas polo expediente. No caso dos almacéns o de Santiago de Compostela non estaría dentro dos afectados.

Desde a CIG tampouco confirman o número de persoas e establecementos afectados polo ERE. “Todo está no aire, mais nós temos un problema engadido, pois como sindicato non participamos na mesa de negociación” di Transi Fernández desde este sindicato. Ademais da CIG quedaron fóra da mesa de negociación ELA, LAB e OSTA, aínda que estas tres centrais enviaron un comunicado para poder ir de maneira conxunta. “Pero a empresa dixo que só tres forzas sindicais” sinala Fernández. Os motivos alegados para non permitir sentar á mesa a estas forzas sindicais é que “desvirtuaría a mesa de negociación”.

CONVENIO COLECTIVO

Algunhas sospeitas apuntan a que o ERE presentado por DIA responde á negociación do futuro convenio colectivo da empresa. “Sospeitamos que negociarán o convenio máis o ERE a un tempo para facer unha rebaixa importante nas condicións económicas e, en vez de despedir a 2.100 despedirán a 1.000” di Transi Fernández.  Con todo, feita unha primeira análise dos datos entregados a deducción é que “non é un problema de venda desde as tendas, é un gravísimo problema de mala xestión, que pretende ademais xestionar co peche de tendas e despedimento de cadro de persoal”.

O día 28 de febreiro houbo un paro de dúas horas nas tendas DIA. Segundo a CIG, o 90% do persoal secundou esta chamada. En Pontevedra e Vigo pecharon algunhas tendas, mentres que no resto de Galicia a participación foi variable.

DÉBEDAS E OPA

DIA alega perdas por un valor de 584 millóns de euros no pasado exercicio. “Chama moito a atención sobre o escurantismo en relación co que está acontecendo dentro da empresa, nin da débeda que ten nin o refinanciamento da mesma que estaría xa pechado a mediados de xaneiro, segundo noticias que eles mesmos filtran aos medios” apuntan fontes da CIG.  Entre os anos 2015 e 2017 a empresa sumou, segundo fontes sindicais, máis de 500 millóns de euros en beneficios.

Galicia Confidencial xa apuntara a figura do magnate ruso Mikhail Fridman, quen lanzou unha OPA sobre todo o grupo DIA para quedar co 100% do capital. O día 20 de marzo haberá unha reunión de accionistas para tratar este tema e outros relativos ao futuro da compañía. “Para nós non ten sentido falar de ERE cando se lanza unha OPA, cando non se sabe quen vai levar o negocio e como o vai levar logo da reunión de accionistas” di Juan Zas.

A petición por parte dalgunhas das forzas sindicais presentes entre os traballadores e traballadoras de DIA é que, polo de agora, se retire o ERE. Polo menos mentres a situación sobre a OPA, o accionariado e quen xestionará a empresa no futuro non estean aclaradas. Mentres, o día 6 de marzo hai convocada unha folga de 24 horas nas tendas do grupo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta