O custo da política da UE para a pesca artesanal galega: 58 millóns ao ano e 3.000 pescadores afectados

O 60% dos pescadores galegos a pequena escala que capturan xarda, pescada e raia baixo a regulación TAC da Unión Europea terá que deixar esta actividade coa nova normativa europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En 2019 comezou para o sector da pesca coa obriga de cumprir as normas da Unión Europea sobre descartes. Agora, os buques teñen que desembarcar en porto todas as capturas das especies suxeitas a TAC (Total Admisible de Captura), e no Mediterráneo, tamén as suxeitas ás medidas mínimas, quedando prohibido arroxar ao mar as capturas non desexadas. Como afecta isto á pesca galega?

Barco de pesca artesanal
Barco de pesca artesanal | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC.

A perda económica directa da frota pesqueira galega a pequena escala calcúlase en 58 millóns de euros ao ano. Ademais,  estímase que a nova política de descartes afectará negativamente, de xeito directo, a 3.000 pescadores, e a máis de 11.000 persoas indirectamente.

Son datos dun estudo realizado por investigadores do Campus do Mar e das facultades de Economía e Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago, en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Os expertos analizaron os impactos da nova política na pesca artesanal en Galicia, centrándose principalmente na xarda do Atlántico, a pescada e a raia. Os autores destacan que, como en gran parte das pesqueiras a pequena escala do Atlántico norte, “o volume de descartes destas especies é relativamente pequeno, cun 0-5% do volume total de capturas”. Con todo, din, “aínda que o volume de descartes pode aumentar a medida que se esgotan as cotas asignadas a unha frota, os descartes da frota a pequena escala xestiónanse mediante unha combinación de esforzo e tamaño mínimo”. A principal razón dada polos pescadores é que a pesca a pequena escala é altamente selectiva e ten un índice de descarte significativamente máis baixo que o da pesca industrial.

Con respecto aos impactos da obriga de desembarque, o estudo mostra que o 88% dos pescadores galegos a pequena escala entrevistados capturan xarda, pescada e raia baixo a regulación TAC da Unión Europea. Destes pescadores, o 60% asegura que a implementación da normativa comunitaria significa que terá que deixar a pesca artesanal.

Os expertos cren que o feito de que moitos destes pequenos pescadores non estean dispostos a aceptar a nova política de descartes se debe á “falta de información e diálogo por parte das autoridades” sobre o impacto da nova regulación.

Con respecto ao impacto económico e social, a perda económica para a frota que captura especies baixo a regulación TAC en Galicia estímase en 58,753,632 euros por ano.

“En termos macroeconómicos, a perda económica directa levará á perda de impostos sobre a renda máis o custo dos pagos de desemprego aos pescadores afectados. En termos microeconómicos, dada a alta dependencia dos ingresos pesqueiros das comunidades costeiras, os ingresos familiares de ao redor de 3.000 pescadores a pequena escala (case 11.000 persoas se se toman en conta os familiares) veríanse afectados negativamente”, alertan os autores do estudo.

Os efectos noutras ramas económicas que fornecen bens e servizos á pesca a pequena escala foron excluídos destas estimacións.

Os investigadores alertan de que “este impacto agravaría aínda máis a crise social e económica do sector pesqueiro a pequena escala de Galicia, que perdeu o 17% dos seus buques pesqueiros e o 20% de emprego directo na última década”.

O impacto da frota a pequena escala nos desembarques das especies analizadas é relativamente pequeno en relación co resto da frota galega. Os datos manexados neste estudo mostran que no período 2007-2015, a frota comercial galega desembarcou 503.100 toneladas de xarda atlántica, pescada e raia por valor de 1.008 millóns de euros, mentres que a frota a pequena escala desembarcou 20.905 toneladas por un valor de 43 millóns de euros, é dicir, o 4,2% do total dos desembarques e o 4,3% do valor total.

Os datos publícanse no estudo 'Socio-economic impacts of the landing obligation of the European Union Common Fisheries Policy on Galician (NW Spain) small-scale fisheries'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta